O Centro Dramático Galego selecciona 23 intérpretes para poñer en escena ‘Memorias dun neno labrego’ e ‘Hamlet’ na temporada 2025-2026
A unidade teatral da Xunta de Galicia levará ás táboas o emblemático libro de Xosé Neira Vilas, con Cándido Pazó á fronte da dramaturxia e da dirección
O novo achegamento da compañía pública ao universo shakespeariano contará con Tito Asorey como director, quen tamén asina a dramaturxia xunto con Vanesa Sotelo
Publícanse na web da Axencia Galega das Industrias Culturais as bases do proceso para elixir os elencos destas dúas novas producións propias

Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, e Hamlet, de William Shakespeare, serán as producións centrais do Centro Dramático Galego para a próxima temporada 2025-2026, na que porá o foco nos clásicos tanto galegos como universais. A unidade teatral da Xunta de Galicia acaba de lanzar a convocatoria do correspondente proceso de selección dos 23 intérpretes destes espectáculos, que teñen prevista a súa estrea para o primeiro semestre de 2026.
Do total de prazas convocadas, sete corresponden ao elenco da adaptación teatral do emblemático libro de Xosé Neira Vilas, para o que o Centro Dramático Galego contará na dramaturxia e dirección con Cándido Pazó, recoñecido pola súa mestría na adaptación de diferentes clásicos e na narración oral. Da súa man, o personaxe de Balbino, que marcou varias xeracións lectoras en Galicia, volverá cobrar vida nunha proposta evocadora que combinará teatralidade e poesía.
Os ensaios desta montaxe comezarán a finais de ano, inmediatamente despois da fin da xira de A serie clopen, a segunda das producións propias da compañía institucional para a presente temporada 2024-2025. A súa chegada aos escenarios está prevista para o inicio de 2026, cando comezará a ensaiarse tamén Hamlet cara á súa estrea a mediados de marzo.
Regreso a Shakespeare
Neste caso, Tito Asorey na dirección e tamén na dramaturxia, xunto con Vanesa Sotelo, porase á fronte, desde unha perspectiva innovadora e comprometida, desta reinterpretación da que pode considerarse como a obra máis famosa do teatro universal. Un elenco de 16 actrices e actores interpretará este novo achegamento do Centro Dramático Galego ao universo shakespeariano, no que afondou en diferentes ocasións desde 1989 con As alegres casadas ata 2023 con Shakespeare en Roma, pasando por Un soño de verán en 1992 ou Noite de Reis en 2007.
Segundo especifican as bases publicadas hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, o prazo de solicitude para participar neste proceso dará comezo mañá e permanecerá aberto ata o 18 de xuño. As probas constarán dunha fase de valoración dos perfís profesionais en función do grao de coincidencia coas propostas artísticas e dunha segunda de audicións para avaliar tanto a interpretación textual, xestual e a adecuación aos roles, como a capacidade de integración no traballo coral, coreográfico e de manipulación de elementos.