Share
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude deulles a benvida aos profesionais de toda a península asistentes ao evento que se celebra en Santiago ata o xoves

López Campos subliña o papel da Feira Galicia Escena PRO como escaparate da calidade dos espectáculos galegos

 A 12ª edición do mercado que organizan a Xunta de Galicia e a asociación Escena Galega ofrece catro días de actividade con 21 funcións de teatro, danza e circo, 12 presentacións de proxectos, máis de 500 reunións profesionais, dúas mesas redondas e un concerto

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, deulles a benvida a Galicia Escena PRO aos máis de 220 profesionais de toda a Península e ao público asistente a esta 12ª edición do mercado galego das artes escénicas, que se celebra ata o xoves 5 en Santiago de Compostela baixo a organización da Xunta e a asociación Escena Galega. Durante a súa intervención no acto que tivo lugar na praza de Mazarelos momentos antes da actuación de Colectivo Glovo coa peza de danza Trïade, o titular de Cultura do Goberno galego fixo fincapé no papel desta feira profesional como escaparate desde o que promocionar a calidade dos espectáculos que se producen cada ano na nosa Comunidade.

O conselleiro, quen estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a presidenta de Escena Galega, Patricia de Lorenzo, convidou os participantes a gozar das propostas artísticas e tirar o máximo proveito das actividades complementarias que conforman “un programa cada vez máis ambicioso”. Nel inclúense 21 espectáculos de teatro, danza e circo contemporáneo, moitos deles producidos co apoio económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O obxectivo prioritario da feira é favorecer a súa contratación por parte dos máis de 80 responsables de mostras, circuítos e espazos escénicos que se dan cita no evento procedentes de diferentes puntos de Galicia, así como doutras sete comunidades autónomas e de Portugal.

A exhibición destas montaxes, que se abre tamén ao público xeral, conforma o núcleo central de Galicia Escena PRO. Ademais, no apartado exclusivamente profesional terán lugar 12 presentacións de proxectos en formato pitching, máis de 500 reunións profesionais, dúas mesas redondas centradas nos ámbitos da distribución e da programación escénica e un concerto a cargo de Capital Voskov.