O Centro Dramático Galego ofrécelles aos profesionais do sector cinco talleres sobre distintas disciplinas escénicas
As actividades formativas da compañía teatral pública desenvolveranse ata mediados de xullo a cargo de Mikel Arístegui, Pablo Viar, Rosa Moledo, Marta Pazos, Laila Ripoll e Jordi Casanovas
Abordarán adestramento físico, construción de personaxes, competencias lingüísticas, dinámicas escénicas inclusivas e dramaturxia
O Centro Dramático Galego (CDG) desenvolverá entre o 17 de xuño e o 12 de xullo cinco talleres formativos en distintas competencias e disciplinas aplicables á creación e á execución escénica. O programa pedagóxico, co que a compañía institucional rematará a actividade da temporada 2018-2019, está especialmente dirixido aos profesionais ou estudantes do ámbito teatral, que xa poden inscribirse nos cursos.
Este plan formativo comezará a vindeira semana cun taller de adestramento físico impartido por Mikel Arístegui. Nel, o bailarín e coreógrafo vasco, alumno da escola de Pina Bausch, proporá unha serie de exercicios simples de tonificación e preparación do corpo cara á creación dunha coreografía dinámica e poética combinada cunha estética particular.
A seguinte cita terá lugar do luns 24 ao venres 28 de xuño a cargo de Pablo Viar, director de teatro, ópera e zarzuela que ten traballado, entre outros, con figuras como Emilio Sagi ou Robert Wilson. Baixo o título Xogar a ser outr@, Viar conducirá un taller de construción de personaxes desde a súa propia experiencia pedagóxica no teatro de texto e no musical, a través do emprego consciente do corpo e da voz e a partir do descubrimento dunha neutralidade corporal e expresiva.
Pola súa banda, Rosa Moledo, especialista en tradución audiovisual e asesora de lingua de filmes e series de éxito (O lapis do carpinteiro, Celda 211, Mareas Vivas, Fariña, etc) asumirá o taller As cancelas do falar. Así, entre o 1 e o 5 de xullo abordará, dun xeito eminentemente práctico, problemas de dicción como a falta de neutralidade ou a artificialidade lingüística, centrándose no traballo da prosodia e tras un exercicio previo de análise.
Colaboración co CDN
Impartido conxuntamente por Marta Pazos (directora artística e dramaturga da compañía Voadora) e por Laila Ripoll (autora, directora e cofundadora de Producións Micomicón), A frecuencia da cicatriz é un taller inclusivo de investigación escénica no que cohabitarán artistas con moi diversas capacidades. Terá lugar do 1 ao 6 de xullo e trátase dunha nova colaboración do CDG co festival Una mirada diferente, organizado polo Centro Dramático Nacional (CDN), baixo a dirección artística de Miguel Cuerdo, Inés Enciso e Magda Labarga.
O último dos obradoiros previstos será sobre dramaturxia, celebrarase entre o 8 e o 12 de xullo baixo o epígrafe Ficción e documento e correrá a cargo do dramaturgo e director teatral Jordi Casanovas. Aquí, a partir de materiais documentais da actualidade, o alumnado confeccionará en común unha peza de ficción documental, unha obra de teatro verbatim. Con este proceso aprenderase tamén a reescribir os textos propios para dotalos dunha maior tensión e progresión dramática.
Nos cinco cursos programados poderán participar ata 70 persoas de xeito activo, ademais dun número amplo de oíntes. Todos eles terán lugar no Salón Teatro de Santiago, agás o de construción de personaxes, que se celebrará no compostelán Pazo de Bendaña. Os distintos requisitos que se solicitan e os prazos de inscrición poden consultarse no web do CDG.
[Na imaxe, Mikel Arístegui]