Share

O CGAI pecha Cinema en Curso 2018-2019 coa estrea de catro filmes realizados por estudantes de Primaria, Secundaria e FP

O Centro Galego de Artes da Imaxe conta co apoio da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para a organización da xesta edición galega deste programa didáctico internacional

O alumnado dos CEIP A Rúa de Cangas e Tenorio de Cercedo-Cotobade, do CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal e do IES de Fene amosaron as fitas realizadas xunto aos cineastas Ángel Santos, Marcos Flórez, Jaione Camborda e Xacio Baño

O CGAI pecha Cinema en Curso 2018-2019 coa estrea de catro filmes realizados por estudantes de Primaria, Secundaria e FP

Os preto de 70 alumnos dos catro centros educativos de Cangas, Cercedo-Cotobade, O Rosal e Fene que participaron na edición 2018-2019 do programa Cinema en Curso estrearon hoxe no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia os filmes que realizaron co acompañamento dos cineastas Ángel Santos, Marcos Flórez, Jaione Camborda e Xacio Baño, respectivamente.
A cinemateca da Consellería de Cultura e Turismo encárgase da xestión en Galicia desta iniciativa pedagóxica internacional, incluída á súa vez no Plan Proxecta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Así o explicou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, na presentación destes traballos na sede coruñesa do CGAI, á que tamén asistiu Laia Colell, da asociación A Bao A Qu e codirectora do proxecto, que na actualidade se desenvolve en España, Arxentina, Chile e Alemaña.
 
Sutil destacou os valores desta iniciativa, que integra o cine nas escolas como “ferramenta privilexiada para coñecer e descubrir o mundo” e, en concreto, como mecanismo  para o crecemento persoal e académico e para o coñecemento da contorna. Destacou igualmente a boa coordinación entre todos os axentes que fan posible Cinema en Curso, desde os equipos do CGAI e A Bao A Qu ata os catro cineastas implicados nesta edición, pasando polo profesorado e o alumado dos centros adheridos.
 
Cinema en Curso enmárcase, ademais, na liña de actividades arredor das artes visuais que a filmoteca galega desenvolve especificamente para a infancia e a xuventude, como CinED, Fotografía en Curso ou CGAI Júnior, “todos eles proxectos abertos a experiencias reveladoras, capaces de abrir novos horizontes, de transformar a sensibilidade e de xerar preguntas”, indicou o director da Agadic.
 
Ficción e documentais
Desde a concepción da película, a escrita do guión, a súa preparación e rodaxe ata a  montaxe, cada grupo levou a cabo a súa propia produción cinematográfica, rotando as funcións artísticas e técnicas entre os seus integrantes, co acompañamento dos seus profesores e dos directores Ángel Santos, Marcos Flórez, Jaione Camborda e Xacio Baño. As fitas parten da investigación sobre a contorna máis próxima e a súa posta en valor para, a través do cine, aprender a mirar e a apreciar a realidade doutro xeito.
 
Así, Ángel Santos asesorou o grupo de 6º de Primaria do CEIP A Rúa de Cangas na realización de Silencios, película de ficción sobre un rapaz de 11 anos nun ambiente familiar marcado polas discusións dos seus pais.
 
Arredor do día. Retratos na Terra de Montes é o título da película documental que rodou o alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Tenorio, en Cercedo-Cotobade, xunto a Marcos Flórez. Neste caso, o filme achégalle ao público os oficios e o día a día dos habitantes desta comarca pontevedresa.
 
Tamén acudiron ao CGAI os alumnos de 3º de ESO do CPI Manuel Suárez Marquier, do Rosal, para presentar O borboriñar das insuas, para o que contaron co apoio de Jaione Camborda. Trátase dun filme rodado nas illas fluviais das Varandas, no Baixo Miño, onde sobrevive un tipo de fauna e flora dun gran valor ecolóxico.
 
Por último, a diversidade de oficios na ría de Ferrol centrou o traballo do alumnado de FP Básica do IES de Fene, que plasmaou no documental Os pés na auga. As mans na terra co asesoramento de Xacio Baño.

-Cinema en curso
-
Making of 'Cinema en curso 2018-2019'