Share

O Centro Dramático Galego celebra co público o Día do Teatro cunha xornada de portas na súa sede de Santiago

Baixo o lema ‘Que se agocha tras o pano?’, o Salón Teatro acollerá o vindeiro mércores 27 de marzo catro quendas de visitas guiadas gratuítas, para as que xa está aberto o prazo de reserva

O Centro Dramático Galego celebra co público o Día do Teatro cunha xornada de portas na súa sede de Santiago

O Centro Dramático Galego (CDG) compartirá co público a celebración do Día Mundial do Teatro o vindeiro mércores 27 de marzo cunha xornada de portas abertas na súa sede de Santiago. Como en anos anteriores, o programa de visitas guiadas Que se agocha tras o pano? ofreceralles aos asistentes un percorrido polas instalacións do Salón Teatro, ao tempo que lles permitirá coñecer a historia deste edifico da zona histórica compostelá e se achegar ao traballo cotiá do oficio teatral.
Esta iniciativa desenvolverase en catro quendas, que terán lugar ás 13,00 h., 16,30 h., 18,00 h. e 19.30 h. para un máximo de 10 persoas por grupo. A asistencia é gratuíta, previa reserva ata o 26 de marzo nos teléfonos 881 867 229 / 226 ou no enderezo electrónico centro.dramatico.galego [at] xunta.gal.
 
Este ano o fío condutor das visitas será a cita “O teatro é un país en si mesmo, un gran territorio que abarca o mundo enteiro”, de Carlos Celdrán, dramaturgo e director teatral cubano. O punto de encontro será o exterior do Salón Teatro, no número 34 da rúa Nova de Santiago, onde os asistentes terán a oportunidade de coñecer a evolución do edificio, desde a súa primeira reconstrución en 1919 como salón cinematográfico ata a adquisición do inmoble pola Xunta de Galicia e as derradeiras reformas a finais dos anos noventa do século pasado, que o levaron á súa recuperación como espazo escénico.
 
Os grupos percorrerán durante uns 45 minutos estancias como os camerinos, a lavandaría ou a xastraría, ademais de acceder a espazos máis técnicos do teatro. Así mesmo, os participantes das quendas de tarde terán posibilidade de presenciar algúns dos traballos técnicos que se están a desenvolver no escenario durante o período de ensaios de Neorretranca e posmorriña, a nova produción que o Centro Dramático Galego estreará aquí o vindeiro 11 de abril baixo a dirección de Gena Baamonde. Con este motivo, as visitas concluirán na sala da biblioteca, onde se realizará un sorteo entre cada quenda dunha entrada dobre para asistir ao espectáculo nalgunha das funcións xerais programadas no Salón Teatro do 12 de abril ao 5 de maio.
 
Como en anos anteriores, o CDG ten previsto repetir a xornada de portas abertas en maio co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.

-Centro Dramático Galego