Román Rodríguez participa con John Malkovich no ciclo en homenaxe a Chema Prado no CGAI
O Centro Galego de Artes da Imaxe rende tributo ao exdirector da Filmoteca Española cunha serie de proxeccións que poderán verse na Coruña ata maio
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro co cineasta John Malkovich, que estes días visita Galicia para participar no ciclo Vai e vem. Carta blanca a Chema Prado, que o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) lle dedica na Coruña ao exdirector da Filmoteca Española para renderlle tributo ao que foi un dos seus principais valedores desde a súa creación hai 27 anos.
Malkovich desprazouse ata Galicia para compartir esta homenaxe, dentro da que hoxe se proxectou o thriller Pasos de baile que o estadounidense dirixiu en 2012, con Javier Bardem como protagonista. A película foi seleccionada polo propio Chema Prado, a quen o CGAI lle deu carta libre para deseñar unha escolma dunha vintena de títulos, que poderán verse ata mediados de maio e que, dalgún xeito, marcaron a súa traxectoria profesional e vital.
O conselleiro lembrou durante a súa intervención que Prado é toda unha referencia no eido da programación cinematográfica en España. En 1975 uniuse ao equipo de Filmoteca Española, onde comezou a elixir os filmes que entrarían na carteleira da cinemateca do Estado e entre 1989 e 2016 foi o seu director, o que permitiu a modernización da institución.
Así mesmo, o titular de Cultura agradeceu a presenza de John Malkovich a quen describiu como “un dos grandes actores de Hollywood, pero tamén un intérprete internacional e versátil que te a capacidade de adaptarse a todo tipo de papeis”.