Share

O CGAI recibe a Marisa Paredes e a Chema Prado na apertura do ciclo dedicado ao exdirector da Filmoteca Española

Proxectaranse unha vintena de títulos que, dalgunha maneira, marcaron a traxectoria profesional de Chema Prado

O ciclo, no que participará o célebre actor John Malkovich, foi presentado hoxe polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo

O CGAI recibe a Marisa Paredes e a Chema Prado na apertura do ciclo dedicado ao exdirector da Filmoteca Española

O director xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, Anxo M. Lorenzo, recibiu hoxe no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) a actriz Marisa Paredes e o exdirector da Filmoteca Española Chema Prado con motivo da apertura do ciclo Vai e vem, que se lle dedica a este último como tributo á estreita relación que mantivo coa cinemateca galega durante os 27 anos nos que estivo á fronte da entidade homóloga estatal. A presentación foi seguida da proxección da película La flor de mi secreto, de Pedro Almodóvar, a primeira das elixidas por Prado (Rábade, 1952) para esta homenaxe cinematográfica.
O ciclo toma o seu nome da última película de João César Monteiro (que, de feito, se proxectará o 12 de abril) e é froito da colaboración con diversas entidades audiovisuais de prestixio na cesión de copias para seren proxectadas na Coruña.
 
A escolma do CGAI desenvolverase ao longo dunha vintena de sesións durante as que se pasarán títulos míticos, pero tamén rarezas que resultarán un descubrimento ata para o público máis  cinéfilo. Todas elas son películas que, dalgunha maneira, marcan a traxectoria profesional de Chema Prado e lle resultan especialmente próximas pola participación nelas dalgunhas das súas amizades persoais. É o caso do célebre actor John Malkovich, quen estará tamén no CGAI o vindeiro sábado 23 para presentar o seu filme Pasos de baile.

-Web do CGAI