O CDG programa unha función inclusiva do espectáculo 'Divinas Palabras Revolution' con motivo da súa despedida do público
Terá lugar o venres 6 no Salón Teatro de Santiago, onde se facilitará audiodescrición, tradución á linguaxe de signos, accesibilidade e programa de man de lectura fácil
Tras unha xira de dous meses por oito escenarios galegos e o Teatro Español de Madrid, esta versión da obra de Valle-Inclán regresa a Compostela do xoves 5 ao domingo 8 como prórroga da primeira quenda de exhibición que ofreceu en abril
O espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG)Divinas Palabras Revolution regresa do xoves 5 ao domingo 8 ao Salón Teatro de Santiago para se despedir do público no mesmo escenario no que esta adaptación da obra de Valle-Inclán foi estreada o 12 de abril e onde, por vez primeira, se desenvolverá unha función inclusiva o venres 6.
Esta é unha das principais novidades da segunda estadía en Compostela desta montaxe, dirixida por Xron, que acaba de rematar unha xira de dous meses por outros oito espazos galegos mais o Teatro Español de Madrid. Cambian tamén os horarios de representación no Salón Teatro para se adaptar á temporada de verán: de xoves a sábado, ás 21,00 h., e o domingo, ás 19,30 h.
Para a función inclusiva do venres, contarase con tradución simultánea á linguaxe de signos e programa en lectura fácil, así como con audiodescrición e espazos para cadeira de rodas previa reserva. O pase, para o que se establece un prezo especial único de 5 euros, está organizado en colaboración coa ONCE, a Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga Plena Inclusión), a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) e a Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física de Galicia (Predif).
Encontro co público
Retómase, ademais, o programa Encontros co Público, que desta volta terá lugar ao finalizar a representación do xoves para lle ofrecer aos espectadores a oportunidade de intercambiar impresións co equipo artístico do espectáculo.
Esta versión, a primeira en idioma galego, de Divinas palabras achega unha ollada actual e crúa da traxicomedia valleinclaniana, ambientada aquí na “aldea global” fronte a “aldea” do orixinal. Na versión do CDG os personaxes que interpretan Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez participan nun concurso de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras as 24 horas.
As entradas para estas catro derradeiras funcións de Divinas Palabras Revolution poden adquirirse de xeito anticipado a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443, así como no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada pase.