O curso de medios audiovisuais de Celanova celebra a súa 15ª edición do 3 ao 6 de xullo dedicado ás narrativas actuais
A Agadic apoia esta iniciativa pedagóxica, promovida pola Fundación Carlos Casares,dentro do seu plan de formación para profesionais do sector

O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) cumprirá a súa 15ª edición entre os vindeiros días 3 e 6 de xullo, nos que reunirá no Auditorio Municipal Ilduara da localidade ourensá estudantes, especialistas e profesionais arredor das distintas narrativas que se dan actualmente nas pantallas.Promovido pola Fundación Carlos Casares e organizado como un curso de verán de extensión universitaria da Universidade de Vigo, o CeMAC volve contar este ano co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a través do plan formativo dirixido a todo o sector que desenvolve a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
A narrativa audiovisual do presente: vieiros, formatos e pantallas é o título escollido para esta nova entrega, que se centrará en coñecer e analizar as singularidades da ficción seriada, a súa historia, aparición, auxe e transformación. Abordarase tamén a posibilidade da existencia dun cambio de tendencias nas empresas que xeran estes contidos e debaterase sobre a situación das series e do cinema para discernir as claves da narrativa audiovisual do presente, os distintos formatos que se manexan, as súas debilidades e fortalezas e mais o futuro que lle agarda a este tipo de obras segundo a nova configuración de consumidores.
Destacados profesionais galegos e de fóra de Galicia
O programa arrancará o martes 3 coa intervención dos directores do curso, Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez Feijoo, para continuar cunha serie de presentacións a cargo de destacados profesionais do sector. Así, ese mesmo día, visitarán o CeMAC Manuel Villanueva e Félix Sabroso, directores de contidos de Tele 5, e Sergio G. Sánchez, director e guionista de El secreto de Marrowbone.
Ao día seguinte contarase coa presenza das galegas Anxos Fazáns e Diana Toucedo, directoras de A estación violenta e de Trinta lumes, respectivamente, ademais das actrices da serie Fariña Mariana Carballal, Isabel Naveira e Cristina Iglesias. Esa mesma xornada terá lugar un coloquio arredor da serie Viradeira, de Voz Audiovisual, no que participarán Fernanda Tabarés, Paula Fernández e Eduardo Lavandeira. Para o xoves día 5 están previstas as achegas de Carlos Fernández e Lorena Ares, artífices do filme de animación Memorias de un hombre en pijama, así como de Ángel de la Cruz e Diana López, guionistas da película. Tamén se desenvolverá unha sesión dedicada ao traballo dos actores galegos en series de ficción e cinema, na que serán protagonistas os intérpretes Manuel Lourenzo e Manuel Cortés, e se proxectará o filme Longa noite, coa intervención do seu director, Eloy Enciso, e da súa produtora, Beli Martínez.
Presentacións da Agadic
O CeMAC 2018 pecharase o 6 de xullo coa acto de entrega de diplomas que comezará despois dunha mañá dedicada á presentación de distintas iniciativas da Agadic cara ao sector audiovisual, tales como a do catálogo Shorts from Galicia, na que intervirán Noemí Chantada (directora de La mujer invisible), Álvaro Gago (director de Matria) e Jaione Camborda (directora de A rapa das bestas), ademais da charla titulada Estímulos públicos á produción audiovisual en Galicia, que correrá a cargo de Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual da Agadic.
Antes do acto de clausura terá lugar tamén a presentación de Luz de contra, o proxecto deste ano dentro do taller Celanova, plató de ficción, outra das actividades que se desenvolven no marco do CeMAC e que consiste na produción nun tempo determinado e cun orzamento pechado dunha peza audiovisual a cargo de alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.
O CeMAC está dirixido preferentemente á comunidade universitaria, desde un punto de vista eminentemente formativo e divulgativo, aínda que tamén se abre á participación doutros ámbitos académicos e ao conxunto da cidadanía.