Share

Un concerto de Lucía Pérez abre este xoves a carteleira de 11 actuacións que o ciclo 'Cultura no Camiño' ofrece en Ourense

A praza de San Martiño será o escenario destas citas, que se desenvolverán ata mediados de setembro como parte da programación organizada pola Xunta en colaboración con 103 concellos das rutas xacobeas

Malasombra, De Vacas, Happy Gospel, Fanfarria Taquikardia, A Banda da Loba, Trío Siboney, Coanhadeira, Caxade, Guezos e MCarballo completan este cartel

Un concerto de Lucía Pérez abre este xoves a carteleira de 11 actuacións que o ciclo 'Cultura no Camiño' ofrece en Ourense
A sexta edición de Cultura no Camiño, promovido pola Xunta, chega a Ourense cunha carteleira de 11 actuacións, que abre este xoves Lucía Pérez co concerto que ofrecerá ás 22,30 h. na praza de San Martiño. Ourense é un dos 103 concellos que colaboran no programa, organizado pola Agadic e Turismo de Galicia, co patrocinio de Gadis.
Cunha dilatada carreira musical e en televisión, a eurovisiva Lucía Pérez celebra os seus 15 anos de traxectoria co seu sétimo traballo discográfico, Quince Soles, que presentará en directo en Ourense. Trátase do seu primeiro disco gravado integramente en galego, para o que contou con colaboracións de coñecidos artistas, como Chenoa, Rosa Cedrón ou Tonhito de Poi.
 
Ao longo do verán, a capital ourensá será escenario doutros nove concertos, así como da representación do espectáculo teatralGo On!, da compañía Malasombra Producións o xoves 12 de xullo, ás 22,30 h.
 
En canto ás actuacións musicais, Cultura no Camiño presentará na praza de San Martiño os directos de De Vacas (19 de xullo), Happy Gospel (26 de xullo), Fanfarria Taquikardia (2 de agosto), A Banda da Loba (9 de agosto), Trío Siboney (16 de agosto),  Coanhadeira (23 de agosto), Caxade (30 de agosto), Guezos (6 de setembro) e MCarballo (13 de setembro). Os concertos de xullo e agosto están programados para as 22,30 h., mentres que os dous de setembro terán lugar ás 22,00 h.
 
Produción 100% galega
A Xunta organiza este ciclo por sexto ano consecutivo, mantendo como obxectivo enriquecer e descentralizar a oferta cultural galega, así como dinamizar a contratación dos espectáculos de teatro, música, maxia, novo circo e danza producidos en Galicia de xeito profesional.
 
A edición de 2018, que arrancou a mediados do pasado mes de abril, prolongaranse ata o 30 de setembro, coincidindo co período de maior auxe das peregrinacións e contribuíndo tamén a intensificar o programa turístico dos concellos participantes, todos eles situados nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia.
 
O calendario de actuacións está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic, así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia.