Share

Mounqup e Trifulca representan a música emerxente galega no cartel de BIME City en Bilbao

Actuarán o 30 de outubro na sala Muelle dentro deste programa de ‘showcases’ do Bizkaia International Musical Experience que busca darlle voz ao talento musical español e internacional

Mounqup e Trifulca representan a música emerxente galega no cartel de BIME City en Bilbao

Mounqup e Trifulca son os dous nomes galegos seleccionados pola organización do Bizkaia International Musical Experience (BIME) para o seu programa de showcases. Baixo o título BIME City, este cartel desenvolverase en diferentes salas de Bilbao co obxectivo de darlle voz ao talento musical español e internacional no marco da sétima edición deste gran evento, que terá lugar do 30 de outubro  ao 2 de novembro e no que tamén se insiren o festival BIME Live e o encontro profesional de reunións e relatorios BIME Pro.
Tanto Mounqup, cantautora de orixe francesa radicada en Ourense, como o dúo santiagués Trifulca actuarán o mércores 30 na sala Muelle tras seren elixidos mediante  unha convocatoria pública aberta o pasado mes de agosto. A través dela, BIME garantía a presenza galega neste apartado en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo.
 
Coa música electrónica como eixo do seu traballo, ambos terán así oportunidade de se presentar diante de programadores de festivais, managers, xornalistas e outros axentes do sector acreditados no BIME Pro. Así mesmo, a través de BIME City, o encontro ábrese de xeito gratuíto ao público xeral como aperitivo do cartel do festival que se celebrará os días 1 e 2 no Bilbao Exhibition Centre (BEC!). Nesta nova edición, serán 40 os showcases que terán lugar en 11 salas do centro da capital biscaíña.   
 
BIME naceu en 2013 co obxectivo de abordar o futuro da música coa ollada posta en América. Na actualidade, a súa vertente Pro articúlase como un encontro entre profesionais de diferentes perfís procedentes de máis de 30 países e de todos os ámbitos, tanto deste sector como do resto das industrias culturais. O obxectivo fundamental é o intercambio comercial e de coñecementos, así como a presentación das últimas innovacións relacionadas de xeito directo ou indirecto coa música.

-BIME City