Román Rodríguez pon en valor o potencial da paisaxe galega como escenario para producións audiovisuais
O conselleiro de Cultura e Turismo participou hoxe na presentación de Ons, o filme de Alfonso Zarauza que se rodará no Parque Nacional das Illas Atlánticas
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, puxo en valor o potencial da paisaxe galega como escenario para producións audiovisuais durante a presentación de Ons, a película do director Alfonso Zarauza que comezará a rodarse mañá neste enclave do Parque Nacional das Illas Atlánticas. A longametraxe, beneficiaria das subvencións da Xunta, filmarase en galego e castelán e contará cun elenco conformado por algúns dos intérpretes galegos máis destacados, como Antonio Durán Morris, María Vázquez, Xulio Abonjo e Melania Cruz.
Precisamente, o titular de Cultura e Turismo puxo en valor o talento do sector audiovisual da Comunidade e subliñou a súa capacidade para proxectar a imaxe de Galicia tanto en España como no estranxeiro.
Entre outros valores cos que contará este filme, Román Rodríguez destacou o papel protagonista que xogará a Illa de Ons, “un emprazamento de excepción que destaca pola súa beleza e a súa riqueza paisaxística que agardamos que proximamente sexa recoñecida coa distinción de Patrimonio da Humanidade”. Neste sentido, destacou o potencial do sector audiovisual para dinamizar e poñer en valor distintas zonas do territorio galego.
O conselleiro de Cultura e Turismo amosouse confiado de que este novo filme de Alfonso Zarauza “será un novo éxito do noso audiovisual” e puxo como exemplo do bo facer deste sector os éxitos acadados polo cineasta Óliver Laxe con O que arde, premiado no recoñecido festival de Cannes.
En paralelo, salientou a necesidade de apoiar o sector “durante toda a cadea de produción”, fomentando o talento propio, o desenvolvemento de proxectos, a súa produción ou a celebración de eventos e festivais de cinema.