Share

Marta Pazos exhibe na Quadriennal de Praga unha obra escultórica a partir dunha escenografía para o Centro Dramático Galego

 A peza central deseñada pola creadora en 2019 para o espectáculo Neorretranca e posmorriña dá lugar a unha instalación artística que se expón no principal certame mundial sobre espazos escénicos e elementos escenográficos

Foi seleccionada directamente pola organización entre centos de propostas procedentes de países dos cinco continentes

Unha obra escultórica da creadora e directora de escena Marta Pazos realizada a partir da súa escenografía  para o espectáculo producido en 2019 polo Centro Dramático Galego Neorretranca e posmorriña exhíbese desde hoxe na Quadriennal de Praga, o principal certame mundial especializado en espazos escénicos e elementos escenográficos, que se desenvolve na capital checa ata o 18 de xuño.

A obra da artista pontevedresa, ideada inicialmente para a peza Fantasía nº 5 en sol ou non, orixinal de Esther Carrodeguas con dirección de Gena Baamonde (unha das dúas que conformaban a devandita produción da compañía pública de teatro xunto con Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte), foi seleccionada directamente pola organización da Quadriennal entre centos de propostas procedentes de países dos cinco continentes e poderá verse no pavillón internacional deste encontro de referencia que reúne cada catro anos o máis salientable e innovador no seu ámbito.

O Centro Dramático Galego participou tamén desde os seus talleres na construción da nova presentación da escenografía, que leva agora por título Matria. Concibida como unha instalación completa, o público poderá entrar nun estancia na que se verá de inmediato inmerso nunha atmosfera solemne, cunha cor de amarelo intenso e envolvente, coa que se cobren paredes, teito e obxectos. 

A sala está dominada por unha gran escultura téxtil que sae da parede: unha vulva de tres metros e medio de altura. A peza, realizada en licra, algodón, blonda e madeira,  é transitable e funciona como unha porta de entrada que conecta dúas realidades, o aquí e agora e o descoñecido. A instalación combina diversos elementos escultóricos, textuais, visuais e sonoros nos que Marta Pazos reproduce un ambiente de “paseo uterino".