Share

Galicia Escena PRO pecha a súa 10ª edición con máis de 500 reunións profesionais cara á contratación de espectáculos galegos

Máis de 180 profesionais das artes escénicas galegas e do resto da península déronse cita esta semana en Santiago para participar no encontro promovido pola Xunta e organizado en colaboración coa asociación Escena Galega

Os 19 espectáculos e os dous concertos programados sumaron preto de 2700 espectadores entre axentes culturais acreditados e público xeral, que puido asistir ás actuacións de xeito gratuíto

A feira acada un novo acordo de intercambio co festival Dansa València, ademais de renovar o que mantén desde hai anos coa mostra MADferia de Madrid

Imaxe do equipo organizador de Galicia Escena PRO

Galicia Escena PRO, o mercado de artes escénicas promovido pola Xunta e organizado en colaboración coa asociación profesional Escena Galega, superou este ano o medio millar de xuntanzas concertadas entre os máis de 180 profesionais acreditados co fin de dinamizar a contratación de espectáculos galegos.

Este é o obxectivo prioritario da feira, que pechou onte as portas da súa 10ª edición en Santiago de Compostela despois de catro días de actividade, durante os que tamén houbo lugar para a exhibición de 19 espectáculos de teatro, danza e circo, a presentación de 12 novos proxectos en formato pitching, dous concertos e dúas mesas redondas sobre mediación cultural e sobre as especificidades da programación de danza e circo. 

Máis de 100 compañías galegas e empresas de produción e distribución de teatro, danza e circo contaron con representantes neste encontro, no que tiveron a oportunidade de contactar cos responsables de 75 feiras, festivais, circuítos e espazos culturais de Galicia e do resto da península ibérica. Entre eles, o festival Dansa Valéncia, co que se acadou un acordo de intercambio para 2024, e MADferia de Madrid, coa que se acaba de renovar a colaboración grazas á que Inconstantes Teatro actuou o pasado mércores en Galicia Escena PRO, mentres que a formación galega de danza Colectivo Glovo estará o vindeiro día 16 na mostra madrileña.  

Como en anos anteriores, a carteleira de espectáculos desta décima edición abriuse tamén ao público xeral, sumando preto de 2700 espectadores xunto cos asistentes acreditados.