Share
O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, deulles a benvida ás persoas participantes no encontro que acolle hoxe na Cidade da Cultura

Máis de 100 profesionais de Galicia e Portugal participan na IV Xornada de Promoción Escénica e Musical

A iniciativa organizada polas principais asociacións do sector ten como obxectivo facilitar o labor de distribución, venda e contratación de espectáculos ao vivo para o primeiro semestre de 2025 da Rede Galega de Teatros e Auditorios e outros circuítos culturais

Ademais de presentacións en formato ‘showcase’ e sesións de ‘networking’, o programa contempla 300 xuntanzas rápidas entre 40 responsables de programacións e representantes de máis de sesenta propostas artísticas

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, colabora nunha nova Xornada de Promoción Escénica e Musical, organizada conxuntamente pola Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega) e a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) para dinamizar a contratación de espectáculos producidos en Galicia.

Nesta cuarta edición do encontro participan máis dun centenar de profesionais de Galicia e Portugal, que asistirán durante todo o día a un programa conformado por presentacións en formato showcase, sesións de networking e 300 xuntanzas de traballo entre máis de 60 representantes de compañías escénicas, empresas promotoras, bandas de música e distribuidoras que presentarán as súas propostas a 40 responsables de programación.

Na apertura da Xornada, que se desenvolve na Cidade da Cultura de Galicia, interveu esta mañá o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, canda a presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais, Patricia Hermida, e o xerente de Escena Galega, Diego V. Meizoso.

Mercado e punto de encontro para o sector

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude referiuse á xornada como un espazo capaz de actuar a un tempo como mercado e foro de aprendizaxe e intercambio sectorial, o que supón unha “magnífica oportunidade” para fomentar a compra-venda de espectáculos galegos tanto desde o ámbito público como desde o privado, prioridade compartida polo Goberno galego no marco das súas políticas de dinamización da industria cultural galega a través da promoción dos seus produtos e servizos.

Sutil destacou igualmente a suma de esforzos por parte da Xunta e das dúas asociacións galegas de empresas de artes escénicas e musicais para o desenvolvemento desta iniciativa, así como a participación de axentes chegados desde Portugal. Neste sentido, relacionou a xornada con outros proxectos que tamén conflúen nesta dinámica e que contan co apoio ou participación directa da Xunta, tales como Galicia Escena PRO, MUMI, Culturgal ou Sisons Enclave Musical.

Presentación das propostas da nova temporada

A xornada profesional estenderase arredor de tres accións de networking con espazos para dotar de visibilidade os materiais de promoción das propostas artísticas participantes. Esta cuarta edición incorpora o formato showcase, o que permitirá coñecer as novidades do sector a través de breves presentacións de espectáculos de artes escénicas e música en directo.

Completan o programa as roldas de negocio nas que participan máis de 60 artistas, bandas, compañías e profesionais da representación escénica e musical, que terán a oportunidade de dar a coñecer as súas propostas a 40 responsables de programación de Galicia e Portugal. O encontro arrancou cunha previsión de 300 xuntanzas rápidas concertadas, un número de se incrementa con novas reunións ao longo do día.

Nestas sesións comerciais participan representantes de espazos asociados á Rede Galega de Teatros e Auditorios, que poden así perfilar ou concretar as súas contratacións de cara ao primeiro semestre de 2025. Aos do circuíto cofinanciado pola Xunta súmanse participantes doutras programacións, festivais e espazos de distintas entidades e institucións galegas e portuguesas.


Fotografías: Miguel Lamas