Share

O primeiro ‘Encontro de Música Aberta’ pon o foco no talento galego coa participación de profesionais da cultura e público xeral

Primeira edición do encontro de música aberta

O I Encontro de Música Aberta, organizado pola Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza, celebrouse nos Estudios Mans da Coruña arredor dun intenso programa que puxo o foco na efervescencia da escena musical galega con actuacións, conversas, networking e a emisión en directo do programa de Radio 3 Hoy empieza todo.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o vicepresidente da Fundación Paideia, Guillermo Vergara, déronlles a benvida hoxe aos asistentes a esta primeira edición do encontro, para a que se rexistraron máis de 80 inscricións tanto de profesionais do sector cultural como de público xeral. O talento musical galego estivo representado por De Ninghures, Mondra, Fillas de Cassandra, Grande Amore e Ortiga, que tocaron en directo durante a retransmisión do programa, así como polo multiinstrumentista Abraham Cupeiro co seu espectáculo Resoando no pasado e unha masterclass de creación de instrumentos.