Share
José López Campos asistiu no Teatro Colón da Coruña á première da película, que chegará ás salas o día 24 tras o seu paso por festivais como Sitges ou Austin

López Campos subliña o potencial da animación galega na preestrea de ‘Decorado’, a nova longametraxe de Alberto Vázquez

A Xunta de Galicia cofinancia o filme cunha subvención de 260.000 euros concedida a Abano a través da liña de axudas para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos

Este novo traballo do premiado cineasta e ilustrador coruñés parte da curtametraxe homónima, coa que acadou un dos seus catro premios Goya

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu esta tarde no Teatro Colón da Coruña á preestrea de Decorado, a terceira longametraxe de Alberto Vázquez, que chegará ás salas de toda España o vindeiro 24 de outubro. Como xa fixera nos anteriores traballos do cineasta e debuxante coruñés, a Xunta de Galicia cofinancia este novo filme cunha subvención de 260.000 euros para a compañía galega Abano Producións, que encabeza esta coprodución canda a vasca UniKo.

Na súa intervención antes do pase da película, o titular de Cultura do Goberno galego felicitou tanto o director como a Chelo Loureiro e Iván Miñambres, á fronte da produción executiva, ademais de o resto do equipo, pola súa premiada estrea na Sección Oficial do Fantastic Fest de Austin, un dos festivais máis importantes do mundo no seu xénero, onde Decorado recibiu unha mención especial do xurado. Ademais, López Campos fixo fincapé nas boas críticas que a agardada nova longa de Alberto Vázquez está a colleitar tras o seu paso por certames tan destacados como o de Sitges, Ottawa ou o BFI London Film Festival.

Así mesmo, puxo a traxectoria do cineasta coruñés –“un dos grandes nomes propios da animación española e internacional”, sinalou– e da produtora Abano como exemplos do potencial galego no ámbito da animación, ao tempo que as enmarcou no bo momento que está a vivir o conxunto do sector audiovisual na nosa Comunidade. “Desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, continuaremos apoiando este sector estratéxico dentro da nosa cultura que nos ofrece grandes oportunidades de proxectarnos alén das nosas fronteiras”, continuou.

Tamén o director da Axencia Galega das Industrias Cultura, Jacobo Sutil, quen acompañou o conselleiro nesta preestrea, incidiu na premiada carreira de Alberto Vázquez na presentación de Decorado diante dos medios de comunicación, que tivo lugar este mediodía na sede da Filmoteca de Galicia na Coruña. Del destacou a súa “madurez creativa e personalísima identidade” como un dos principais expoñentes da animación galega actual.

Equipo en Galicia

En Decorado, Abano Producións e UniKo uníronse á produtora estremeña Glow e á portuguesa Sardinhas en Lata para conformar un equipo de máis de 100 profesionais, dos que unha trintena desenvolveron o seu traballo en Galicia.

Realizada en versión orixinal galega, a película preséntase como unha fábula existencialista sobre o sentido da vida e as crises que a atravesan, recuperando e ampliando o universo da aclamada curtametraxe homónima, Premio Goya á mellor curta en 2017, para desenvolver unha historia que mestura comedia, drama, fantasía e crítica social.

Entre outros recoñecementos, Alberto Vázquez conta tamén cos Goya á mellor longametraxe de animación polas súas dúas anteriores películas, Unicorn Wars (2022) e Psiconautas, los niños olvidados (2017), así como á mellor curta de 2012 por Birdboy, obras todas elas que consolidan a traxectoria do creador coruñés como un dos grandes nomes da animación española e internacional.