Share
O conselleiro de Cultura percorreu o set instalado no Lalín Arena, unha das localizacións pontevedresas da primeira longametraxe de ficción do director Rafa de los Arcos

Visita ao equipo da película ‘O pesadelo das vacas’ na súa rodaxe en Lalín

A Xunta de Galicia cofinancia este novo título da compañía Matriuska cunha achega de 280.000 euros a través da súa liña de subvencións á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos

María Vázquez e Diego Anido encabezan o reparto desta historia ambientada no rural do interior galego

O Lalín Arena está a ser un dos escenarios da rodaxe na provincia de Pontevedra de O pesadelo das vacas, primeira longametraxe de ficción do director Rafa de los Arcos, para a que a compañía Matriuska conta cunha das subvencións da Xunta de Galicia á produción de proxectos audiovisuais galegos. Ata esta localización desprazouse esta mañá o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para coñecer de primeira man o avance da filmación, que arrancou a finais de setembro e se desenvolve tamén en diferentes escenarios dos concellos de Rodeiro e Silleda.

O propio Rafa de los Arcos e o produtor Daniel Froiz recibiron o conselleiro e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, nesta visita ao set de O pesadelo das vacas, na que participaron tamén o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Luis López; o deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela; o alcalde de Lalín, José Crespo; o de Rodeiro, José Luís Camiñas; a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e Vanessa Grela e Javier Lopo, en representación da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.

O titular de Cultura da Xunta de Galicia tivo a oportunidade de saudar e felicitar o equipo técnico e artístico desta nova longa galega, con María Vázquez e Diego Anido á cabeza dun reparto do que tamén forman parte Antía Vidal, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Berta Ojea e Xoel Fernández.

Aposta polo cinema autoral

Mastriuska Producciones dispón por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dunha axuda de 280.000 para este novo proxecto, co que continúa afondando na súa aposta polo cinema emerxente e autoral como xa fixera con anteriores producións como a premiada Matria, tamén con María Vázquez como protagonista, As altas presións, A estación violenta ou A Foreign Song, entre outras.

A produtora pontevedresa ponse agora á fronte do debut na dirección de longas de ficción do realizador vigués  Rafa de los Arcos, quen conta cunha ampla experiencia audiovisual en cinema documental, curtametraxes, televisión e publicidade. En O pesadelo das vacas asina tamén o guión, xunto a Miguel Ángel Blanca, para abordar unha historia ambientada no rural do interior de Galicia desde unha perspectiva de xénero.

Nela, Celia é unha muller que se enfronta a un camiño complexo, cunha familia desestruturada e nun ambiente hostil no que terá que atopar o seu espazo. Ao tempo, o filme reflexiona sobre a violencia e as pegadas que deixa nas familias das persoas que a exercen.