O Curtas Festival do Imaxinario sitúa Vilagarcía de Arousa como capital do cinema fantástico
Do 24 de outubro ao 2 de novembro, reunirá máis de 100 producións de 36 países, con 17 estreas mundiais e 29 en España, exposicións e actividades paralelas
A sección ‘Feito en Galicia’ e o proxecto ‘Galicia imaxinaria’ poñen o foco na promoción e internacionalización do talento galego
O certame conta por vez primeira cunha axuda da Xunta para a súa organización, a través da convocatoria de subvencións que distribúe este ano 300.000 euros entre 10 festivais audiovisuais galegos de carácter profesional

Curtas Festival do Imaxinario presentou o contido completo da súa 53ª edición, que do 24 de outubro ao 2 de novembro desenvolverá unha ampla programación con máis de 100 filmes de 36 países en formato curtametraxe e tamén longas, 17 delas estreas mundiais e 29 en España, e poñendo ademais o foco no talento galego. O certame conta por vez primeira cunha das axudas da Xunta á organización de festivais do sector audiovisual de carácter profesional, unha convocatoria de subvencións específica que distribuíu este ano 300.000 euros entre 10 eventos.
Durante a presentación, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, salientou que Curtas Festival do Imaxinario é un dos grandes escaparates do audiovisual galego e un referente internacional do fantástico: un proxecto que medra en calidade, en públicos e en capacidade de atraer talento. “O apoio da Xunta acompaña o esforzo da organización por ampliar a programación, reforzar a presenza da creación galega e impulsar a proxección exterior do festival, contribuíndo á dinamización cultural e económica de Vilagarcía e de toda a comarca”, subliñou.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou a organización pola presenza de profesionais do país na carteleira da nova edición, que conta con 15 obras de autoría galega que mostran o bo momento da industria, tamén no xénero fantástico e de terror.
O mellor do xénero
O encontro arrancará o próximo 24 de outubro coa apertura da exposición Monstrorama ás 20,00 h. no Salón García. Ás 20,30 h. no mesmo espazo está programada a estrea mundial da curtametraxe Cosa Mala, do realizador galego Gero Costas, unha peza sobre un artista que recibe un misterioso encargo coa promesa de abrirlle novas portas. A obra clásica do cinema de terror As Mans de Orlac, peza de 1924 dirixida por Robert Wiene, tamén se proxectará na xornada inaugural. Como ramo para a apertura, o ilustrador Tomás Hijo recollerá o premio honorífico Curtas 2025 e o laureado director valenciano Paco Plaza será distinguido como Mestre do Fantástico.
En Curtas Festival do Imaxinario están previstas 13 estreas, entre as que destacan Camping Coyote, de Chico Morera, Unprovidence, de Victor Marín, Tap Tap, de Fernando Camacho, Update, de Luca Violante, Kin Akhten, de Reza Mirzaei, e Echo, de Victoria Catherine Long. A selección complétase con catro estreas internacionais, seis europeas, 23 en España e 26 en Galicia, unha carteleira que levará o público pola variedade do xénero, á vez que reforzará a proxección exterior do festival.
A programación articúlase arredor da sección oficial Arrepíos, con 33 títulos de terror e suspense, e complétase con Feito en Galicia (con obras de creación galega), Novos Horizontes (dedicada a novas formas de narrativa e experimentais) e Outras Realidades (sobre contextos máis afastados).
Protagonismo do cinema galego
Entre os títulos destacados do panorama de Galicia figuran Áncora, de Miguel R. Berride, Boca de Asno, de Carlos Calvar, Gralla, de Rebeca Tella e Daniel Filloy, Hippocampus, de Xaime Miranda, Mocos Verdes, de Roberto Cid, Nai, de Tito Refoxo ou Nas Ondas do Tempo, de Adrián Porima, xunto a pezas como O Corpiño, de Antía Rodeiro e Blanca Navarrete, O Interrogatorio, de José Ignacio Rodríguez Varela, O Porco, de Hugo R. Morgado, Orzán, de Omar Rabuñal Varela, Os Retornados, de Rocío Diz, Santa Compaña, de Mateo Bouzada e Senda Estrela, de Eva Vaeli e Manu Sacoga.
Ademais dos títulos en proxección, a través da iniciativa ‘Galicia Imaxinaria’, o festival levará o talento audiovisual galego a outros países mediante colaboracións con eventos internacionais para conectar Galicia co mundo a través do xénero fantástico. Así, unha compilación de curtametraxes que resultaron premiadas en pasadas edicións e que ofrecen un gran abano dos diferentes estilos, temas e sensibilidades presentes no fantástico galego recente viaxarán a citas como o Bogotá Horror Film Festival de Colombia, Buenos Aires Rojo Sangre de Arxentina, Macabro Festival Internacional de Cine de Horror de la Ciudad de México, Cinefantasy de Sao Paulo, Brasil, FantasPorto de Portugal, Bakunawa Fest en Filipinas o Santiago Horror Festival Internacional de Cine Fantástico na capital chilena.
O programa complétase con actividades paralelas para públicos novos e familias e, no apartado expositivo, a Sala Rivas Briones acollerá as mostras Santipérez: unha vida debuxando pesadelos, con obra de Santiago Pérez Domínguez, e As Raias do Dragón, con pezas gráficas de Tomás Hijo. As dúas permanecerán abertas ata o 16 de novembro, reforzando a conexión do festival co cómic, a ilustración e a cultura visual.