Share
O conselleiro de Cultura inaugurou en Tui a 21ª edición do certame, que se abriu cun documental sobre o poeta Carlos Oroza e o espectáculo ‘Traspielas’

López Campos enxalza o labor do Festival Play-Doc como encontro de referencia para as novas narrativas do cinema galego e internacional

O evento recibe máis de 48.200 euros como adxudicatario das subvencións que convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais para este tipo de eventos

A programación esténdese do 7 ao 11 de maio con 12 filmes a competición na sección galega e sete producións no panorama internacional

A Filmoteca de Galicia colabora achegando 22 bobinas do fondo de Bernardino de Lamas e proxectando na súa sede unha revisión dos cineastas independentes norteamericanos Monte Hellman e Elaine May

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou no Teatro Municipal de Tui na apertura do XXI Festival Play-Doc, ao que se referiu como un encontro de referencia para a consolidación e difusión das novas narrativas do cinema galego e internacional. O documental Queres saír podes entrar, co que de Pablo Villalobos Leal conmemora o centenario do poeta Carlos Oroza, e mais o espectáculo Traspielas, da cantautora galega Su Garrido Pombo, iniciaron unha programación que se estenderá ata o próximo domingo 11 de maio e que conta unha vez máis co apoio do Goberno galego a través das subvencións a festivais audiovisuais.

A cita tudense recibiu da Xunta unha contía de 48.265, a maior concedida nesta convocatoria na que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude distribuíu unha dotación de 300.000 euros entre 10 certames estratéxicos para o sector. Así o lembrou López Campos, que felicitou o equipo do certame por acadar ano tras ano este financiamento, sustentado no traballo que Play-Doc vén desenvolvendo ao longo de máis de 20 anos e nos que se ten consolidado como un espazo relevante, cunha carteleira que destaca polo seu carácter innovador e a súa sensibilidade artística, así como polas súas propostas paralelas que convidan o público a descubrir outras maneiras de experimentar o cinema máis alá da sala tradicional.

López Campos, que acudiu acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, aproveitou a oportunidade para gabar unha vez máis, diante do público do festival, o bo momento creativo e profesional que vive o audiovisual galego, con fitos como a competición das películas Sirat e Romería no vindeiro festival de Cannes ou o último premio Goya para Cafuné. “Festivais como Play-Doc contribúen ao seu impulso ao converterse nun importante escaparate tanto para cineastas xa consolidados como os que están emerxendo e buscan promocionar o seu traballo”, expresou.

Escaparate da creación audiovisual galega

O conselleiro de Cultura tamén agradeceu o compromiso de Play-Doc coa produción audiovisual galega actual. Neste sentido, a competición Galicia deste ano ofrece 12 obras propostas por voces moi distintas pero conectadas co seu territorio e co seu tempo: Delincuente, de Nuria Vil e Alba Domínguez; Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras; Exposed, de Nela Fraga; Maroun regresa a Beirut, de Feyrouz Serhal; Nayan, de Carla Andrade; O costume do traballo, de Luis Morla; O silencio herdado, de Lucía Dapena González; Patios de luz, de Fran Rodríguez Casal; Pura, de Carmen Méndez; Quieres salir puedes entrar, de Pablo Villalobos Leal; Sepáraste moito, de Paula Veleiro e Un dragón de cien cabezas, de Helena Girón e Samuel Delgado

Nesta edición, o festival acolle tamén unha presentación de tres títulos galegos en distintas fases de desenvolvemento: Kiro, un proxecto de María Yáñez sobre Ana Kiro, referente da canción galega dos anos 70 e 80; Despois das cidades, o novo filme-ensaio do cineasta Xacio Baño; e Notas entre silencios, o próximo documental de Fon Cortizo, que reflexiona sobre a escoita, a música e a xordeira, e conta coa participación dos músicos de Sumrrá e da coreógrafa Jone San Martin.

Ademais, Play-Doc propón dous espectáculos consecutivos asinados por creadores galegos, que reformulan o cinema como experiencia viva a través do son, a imaxe e a transformación do espazo: Sacro, creada polo músico Fon Román e o realizador Oswaldo García; e Nowx, unha proposta do artista sonoro Xoán-Xil López o cineasta Iván Torres.

Colaboración da Filmoteca de Galicia

A Filmoteca de Galicia, centro adscrito á Xunta,  volve ceder pezas do seu arquivo para a sección Sombras de Play-Doc 2025, comisariada polo guionista e produtor galego Pepe Coira, e que este ano se centra nos filmes domésticos do xornalista, montañeiro e galeguista Bernardino de Lamas. A cinemateca cédelle ao festival 22 das 90 bobinas conservadas con imaxes de excursións, romarías e escenas da vida cotiá que Lamas filmaba e que supoñen un importante testemuño da Galicia dos anos 20 e 30.

Ademais, como cada ano, a Filmoteca proxectará na súa sede da Coruña cinema seleccionado polo festival de Tui, co foco posto en recuperar e reivindicar cineastas de culto, carreiras marxinais e singulares. Nesta ocasión, este apartado expandido céntrase nas figuras do cinema independente norteamericano Monte Hellman e Elaine May.

Panorama internacional e encontro profesional

Na súa Competición Internacional, o Play-Doc programa, como é habitual, cineastas que apostan polo risco formal e a constante experimentación. Este ano mostraranse os novos traballos de Camilo Restrepo, Marta Mateus, Julen Etxebarria, Jean-Claude Rousseau, Ben Rivers, e das duplas de dirección formadas por Margaux Dauby e Raúl Domingues, e Pierre Creton xunto con Vincent Barré.

Como parte da súa implicación co desenvolvemento do sector, o sábado día 10 tamén se desenvolve un encontro profesional sobre políticas audiovisuais públicas, coordinado polo Grupo CP2 da Universidade de Vigo, e que contará coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, e representantes do Instituto da Cinematografía e as Artes Audiovisuais (ICAA) e da Fundación MEDIA, para presentar cadansúas principais liñas de financiamento e explicar os obxectivos estratéxicos das súas políticas nos ámbitos galego, estatal e europeo.