Share

José López Campos acompaña o sector musical no encontro de finalistas dos premios Martín Códax

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe en Cambados ao encontro de finalistas dos Premios Martín Códax da Música, que cumpren este ano a súa 11ª edición co apoio da Xunta de Galicia. O representante do Goberno galego compartiu coa directiva da asociación Músicas ao Vivo, organizadora dos galardóns, o acto de comunicación dos 57 proxectos e artistas que optan a algunha das 15 categorías convocadas.

O evento, que tivo lugar nas instalacións das Bodegas Martín Códax, contou coa participación do polifacético músico Xurxo Souto, quen avanzou algúns dos detalles da cerimonia de entrega que está a deseñar e que terá lugar o vindeiro 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. A Xunta colabora desde a súa primeira edición coa organización destes Premios co obxectivo de contribuír á visibilidade do potencial da música galega actual e no marco da súa dinámica de cooperación coas principais iniciativas dos colectivos asociativos dos distintos eidos culturais.