Share

Os Náufragos Teatro viaxa á Habana co apoio da Xunta para representar “Hugo” no congreso da Asociación Internacional de Teatro para a Infancia e a Mocidade

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu a Gustavo del Río, autor e director desta obra que fala da empatía e da beleza da diferenza a través da relación entre un rapaz con trastorno do espectro autista e a súa amiga

Escenificarase o 30 e o 31 de maio no Teatro Hubert de Blanck da capital cubana como único espectáculo español na programación do encontro mundial da ASSITEJ

'Hugo' na Habana

A compañía galega Os Náufragos Teatro será a única representante española na programación que se desenvolverá do 24 de maio ao 1 de xuño na Habana (Cuba) no marco do congreso mundial da ASSITEJ, Asociación  Internacional de Teatro e Artes Escénicas para a Infancia e a Mocidade. Ata alí viaxará co patrocinio da Xunta de Galicia para escenificar o espectáculo Hugo, unha obra que fomenta a empatía e chama a buscar a beleza na diferenza, recoñecida en 2022 co premio de teatro María Casares ao mellor espectáculo infantil.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu hoxe a Gustavo del Río, autor e director da montaxe, para coñecer máis detalles da súa participación neste encontro con dúas funcións os días 30 e 31 de maio no Teatro Hubert de Blanck da capital cubana.

Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado así mesmo para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ.

Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso mundial desta asociación reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. En concreto, para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.

Neste mesmo contexto, Os Náufragos Teatro participará no encontro Diálogo con creadores, aberto ao público e ao resto de profesionais acreditados.