Share

José López Campos súmase á celebración do 40º aniversario do Centro Dramático Galego coa asistencia ao espectáculo 'Os actos e as profecías'

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe no Salón Teatro de Santiago de Compostela á función de Os actos e as profecías, o espectáculo dirixido por Tamara Canosa con 20 actores e actrices en escena co que o Centro Dramático Galego está a celebrar o seu 40º aniversario. Acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o titular de Cultura da Xunta visitou a sede da compañía de teatro institucional galega e presenciou un dos pases da produción central coa que se conmemoran as súas catro décadas de traxectoria.

Os actos e as profecías, con dramaturxia de Xacio Baño e Tamara Canosa, estreouse o pasado 11 de abril cun elenco que integran Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro “Cou”, Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal. A obra permanecerá en cartel ata o vindeiro 26 de maio con sete representacións semanais de mércores a domingo.