Inés Pintor obtén co seu guión ‘As crechas’ o VI Premio Daniel Domínguez
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou no acto de entrega do Premio Daniel Domínguez á autora galega Inés Pintor polo seu guión de longametraxe de ficción titulado As crechas, gañador da sexta edición deste galardón convocado pola Asociación Sindical Galega de Guionistas co apoio da Xunta de Galicia e da SGAE para potenciar o uso do galego no ámbito audiovisual, promover a autoría na nosa lingua e darlles visibilidade ás súas obras.
A obra, premiada con 2000 euros, foi sinalada polo xurado como “un sopro de autenticidade tanto na súa forma como pola veracidade dos personaxes, situados na Coruña de inicios dos 90”. No mesmo acto tamén se lles entregaron os diplomas aos escritores dos outros dous guións que resultaron finalistas no certame: Miguel Fernández por A comuñón de Breixo, e Jorge Algora por Para que non me esquezas.