Pablo Reboleiro dirixe para o Centro Dramático Galego o espectáculo multidisciplinar ‘A serie clopen’
A unidade teatral da Xunta de Galicia inicia os ensaios da súa segunda produción propia da temporada, ao tempo que avanza na preparación de A burra, a mesa e o pau con Lorena Conde na dirección
Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hess, Raquel Oitavén, Inés Santos, Guillermo Solo e Natalia Pajarito porán en escena esta montaxe eminentemente física, co circo como punto de referencia para crear un mundo simbólico que convide á reflexión
O Centro Dramático Galego ensaia xa a súa segunda produción propia da temporada 2024-2025, A serie clopen, espectáculo multidisciplinar para o que conta con Pablo Reboleiro na dirección e cun elenco de sete intérpretes que foi seleccionado nas audicións do pasado mes de outubro.
Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hess, Raquel Oitavén, Inés Santos, Guillermo Solo e Natalia Pajarito porán en escena esta nova montaxe da unidade teatral da Xunta de Galicia, que será eminentemente física e se irá construíndo a partir das achegas de todo o equipo nas diferentes quendas de ensaios que se desenvolverán ata a súa estrea, prevista para o vindeiro mes de setembro.
A serie clopen é a primeira produción propia da unidade teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co circo como eixo central, dando así un paso adiante no apoio e a atención que desde a compañía pública se lle vén prestando a esta arte escénica e aos seus profesionais. Neste caso, o circo serve como punto de referencia para construír un mundo simbólico que convide á reflexión sobre o momento actual, marcado pola emerxencia medioambiental e climática, o esgotamento das reservas enerxéticas, a crise e desaceleración económica e financeira, a tensión internacional ou o auxe dos extremismos.
Na procura de novos códigos escénicos
Con tal fin, o propio Pablo Reboleiro asina xunto a Clara Gayo unha dramaturxia que definen como “fragmentaria” ou “paradigmática” e que, a diferencia dos espectáculos que parten de textos cunha narrativa máis definida, dá pé á exploración por parte do equipo co obxectivo de innovar na procura de novos códigos e realidades escénicas que mesturen de xeito propio as diferentes artes.
Ademais do persoal técnico do Centro Dramático Galego, Reboleiro conta para A serie clopen con Laura Iturralde no deseño da escenografía, iluminación e vídeo, Carlos Alonso no vestiario e aderezos, Paula Quintas na maquillaxe e caracterización, Marta Alonso no movemento escénico e coreografía, José Expósito na asistencia de circo e Marcos Carballido no espazo sonoro e asistencia de dirección.
Pablo Reboleiro é un dos pioneiros do circo contemporáneo en Galicia. Tras anos de formación e experiencia en Reino Unido e noutros países, durante os que foi construíndo unha identidade artística multidisciplinar que parte do humor e da relación directa co público, en 2005 regresa á nosa Comunidade e funda a compañía Pistacatro, da que é director artístico, e o espazo Circonove.
Desde entón, tense convertido nun referente para o sector galego do circo e nun dos seus máis destacados embaixadores, representando os seus espectáculos nunha vintena de países de todo o mundo. A serie clopen será a primeira produción que dirixirá para compañía pública de Galicia.
Os seus ensaios desenvolveranse en varias quendas ao longo dos vindeiros meses, de xeito que o Centro Dramático Galego compaxinará a súa preparación coa do espectáculo A burra, a mesa e o pau, que dirixe Lorena Conde e ten prevista a súa estrea para o 6 de marzo de 2025.