Share

Convócanse as axudas a festivais audiovisuais cunha dotación de 300.000 euros

Publícanse no DOG as bases destas subvencións para o ano 2025, a través da que se contribúe á consolidación do circuíto galego de certames estratéxicos para o sector

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén o orzamento desta liña de apoio, que xa foi reforzada este mesmo ano cun incremento do 33%

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases das subvencións a festivais do sector audiovisual e a súa convocatoria para 2025 cunha dotación de 300.000 euros. A través desta liña de apoio, que foi reforzada ese mesmo ano cun aumento do 33% no seu orzamento, a Xunta está a contribuír á consolidación dun amplo e variado circuíto galego de certames audiovisuais.

Poden optar a estas axudas, en réxime de concorrencia competitiva, tanto persoas físicas e xurídicas privadas como entidades locais para a organización de festivais que se celebren entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025. Entre outros requisitos, as mostras deben ter unha duración mínima de catro xornadas e, cando menos, 20 proxeccións, ademais de ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. Así mesmo, a proposta de programación dos eventos debe conter o cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.

As bases establecen unha achega máxima de 50.000 euros por proxecto, cun límite do  30% do orzamento subvencionable cando a solicitante sexa unha entidade local e do 50% se é unha entidade privada. Esta porcentaxe ascende ao 75% no caso das entidades locais conxuntas ou resultantes de fusión.

Solicitudes ata o 16 de xaneiro

As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia entre mañá e o vindeiro 16 de xaneiro de 2025.

O Goberno galego vén convocando desde 2014 esta liña anual de axudas, que foi incrementando progresivamente o seu orzamento en recoñecemento ao valor estratéxico destes certames para o seu sector e para o conxunto das industrias culturais. De feito, as 10 mostras subvencionadas este ano dan conta dunha gran variedade na súa especialización en xéneros e formatos, ademais do seu destacado labor como altofalantes para a máis recente produción galega e os seus profesionais.