Share

En marcha a nova programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios con 307 actuacións en 42 concellos ata xuño

A primeira carteleira semestral de 2026 ofrece as estreas dos espectáculos de Fran Sieira Compañía de Danza, Ibuprofeno Teatro, De Ste Xeito Producións, Os Náufragos Teatro, Artyc Content, Talía Teatro ou Carlota e Compañía

Cofinanciada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e as entidades locais asociadas, o seu orzamento aproxímase aos 1,29 M€ e medra un 5,6% respecto ao mesmo período de 2025

O Concello de Outes adhírese por ver primeira a este circuíto autonómico, dentro do que acolle tres espectáculos na súa Casa da Cultura

A Rede Galega de Teatros e Auditorios arranca a súa actividade anual cun primeiro semestre de programación durante o que ofrecerá 307 funcións en 42 concellos das catro provincias. O circuíto autonómico, cofinanciado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e as entidades locais asociadas, conta cun orzamento de preto de 1,29 M€, un 5,6% máis que no mesmo período de 2025, para a contratación das 102 compañías escénicas e grupos de música que lle dan forma a esta carteleira.

Destacan nela sete agardadas estreas da temporada escénica galega, unha maior presenza da música en directo, que protagoniza 23 das actuacións, e a incorporación de Outes (A Coruña) como novo concello da Rede Galega de Teatros e Auditorios, no marco da que a súa Casa da Cultura acollerá no mes de febreiro os espectáculos Cirkote, de Kote Malabar; Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, e Bailar agora, de Marta Alonso Tejada.

O teatro segue centralizando a meirande parte desta axenda cultural, con 236 funcións ata xuño, a primeira das cales terá lugar mañá mesmo no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo con Manual de patronaxe, de Teatro do Noroeste (na imaxe). A programación deste semestre complétase con 29 actuacións de danza, as devanditas 23 de música, 12 de circo e 7 de maxia. 

Estreas de producións galegas

A Rede Galega de Teatros e Auditorios volve funcionar, así mesmo, como unha das principais plataformas de exhibición dos novos espectáculos galegos diante do público, de xeito que son sete as estreas que acollerá durante esta primeira metade do ano.

A primeira delas será a de Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota e Compañía, no Teatro Rosalía Castro da Coruña este venres, día 16. En febreiro, o día 6, chegarán A historia vaxenial, de Artyc Content, ao Rosalía da Coruña, e BenQuerer, de Fran Sieira Compañía de Danza en coprodución co Centro Coreográfico Galego e xunto ao dúo musical Caamaño&Ameixeiras, ao Teatro Principal de Santiago de Compostela. O día 27 será a quenda de Bio Construción, de Ibuprofeno Teatro, na Casa da Cultura do Milladoiro, e de  Riazor Ostia, de Os Náufragos, no Teatro Rosalía Castro.

Propostas para todos os públicos

Xunto con estas compañías, a proposta de artes escénicas ofrece unha ampla escolma de formacións con presenza recorrente no circuíto, combinando espectáculos de creación contemporánea, de repertorio e propostas familiares, producidos na súa meirande parte co apoio da Xunta a través da convocatoria anual de subvencións á creación escénica.

Entre as formacións con maior circulación figuran Malasombra con títulos como O Proceso, Testosterona ou Bernarda; Producións Teatrais Excéntricas con As desterradas, Monstros e Mofa e Befa: os dous de sempre; Talía Teatro con Un Deus salvaxe e Voa, Voa!, ademais da estrea de Artur Ui, o ovo da serpe; e Ibuprofeno Teatro con Reconversión e Bio Construción.

En canto ao apartado musical, Unto Vello, Os Carunchos, Terrae, Lembra Xabarín, De Vacas, Habana Café Son ou Xisco Feijoo son algunhas das propostas artísticas programadas neste primeiro semestre.

30 anos de traxectoria

A Rede Galega de Teatros e Auditorios cumpre este ano tres décadas de actividade, que se iniciou a partir da sinatura en maio de 1996 dun acordo marco entre a Xunta, os concellos das sete cidades galegas, a Deputación Provincial de Ourense e a antiga Caixavigo.

A súa primeira carteleira, integrada por 11 compañías, foi o punto de partida dun crecemento rápido que incorporou axiña outros 30 concellos e consolidou a Rede, xa nos seus primeiros anos de funcionamento, como o principal circuíto para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional, á que buscaba dotar de estabilidade na súa programación habitual.