Colectivo Glovo estrea en Vigo o espectáculo de danza ‘Alén’ en coprodución coa Xunta de Galicia
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asiste á primeira das tres funcións da montaxe, que abre ademais a programación de 2026 do Teatro Ensalle
Trátase dun dos tres títulos seleccionados na edición de 2025 do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego
Poderá verse na próxima edición de Madferia en Madrid, no Seattle International Dance Festival e en varios espazos de Galicia e Portugal, entre outros escenarios
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu esta tarde no Teatro Ensalle de Vigo á estrea de Alén, espectáculo de Colectivo Glovo coproducido pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego. Neste espazo poderá verse tamén mañá sábado e o domingo, ás 20,00 h, antes do inicio da súa xira por diferentes escenarios dentro e fóra de Galicia.
De feito, Colectivo Glovo é unha das compañías galegas de danza con maior proxección exterior, programada habitualmente en festivais de toda Europa, Asia e América. Así, para esta nova proposta conta tamén con coprodutores internacionais como o Seattle International Dance Festival ou o Teatro de Vila Real e o Auditório Municipal de Macedo de Cavaleiros en Portugal, onde se representará como parte dun percorrido durante o que visitará outras localidades galegas como O Barco de Valdeorras, Lugo ou Ames. Ademais, o espectáculo viaxará a Madrid para a súa representación no encontro Madfeira o 29 de xaneiro.
Fusión do contemporáneo co tradicional
En Alén, a compañía de Esther Latorre e Hugo Pereira afondará de cheo na fusión do contemporáneo co tradicional, que xa explorara na súa anterior montaxe, Trïade. Ambos dirixen esta peza para catro intérpretes (a propia Esther Latorre xunto con Paula Urquijo, Xián Martínez e Marc Fernández), na que abordan o “máis alá” como o momento no que algo remata, pero o novo aínda non tomou forma. Como explican eles mesmos, trátase dunha proposta “dinámica e enerxética que se move entre o que fomos e o que estamos a piques de ser”.
Para a súa aproximación á danza tradicional, neste espectáculo contan coas achegas de dous integrantes de Nova Galega de Danza: Iván Villar, na asesoría de movemento, e Estefanía Gómez, como repetidora. Ademais, Esther Latorre asina a coreografía da peza e completan o equipo José Pablo Polo, no deseño do espazo sonoro; Xacobo Castro, do espazo lumínico, e Sabela Eiriz, na fotografía. O vestiario é de Adolfo Domínguez.
Xunto con 52-Blau de iXa e Saias do mar de Artístika Movemento Producións, Alén contou co impulso económico da Consellería de Cultura Lingua e Xuventude como proxecto seleccionado na novena convocatoria do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego, onde se desenvolveron tamén parte dos ensaios.
Esta iniciativa pública ten como prioridade favorecer a produción galega de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de públicos para esta disciplina escénica e consolidar produtos culturais competitivos e de calidade. Con estes tres títulos da temporada 2025-2026, a listaxe de proxectos apoiados polo Goberno galego no marco desta iniciativa supera xa a vintena.