Conecta FICTION dálle protagonismo ao audiovisual galego con casos de estudo e encontros con produtoras doutros países
As series con participación galega Hierro, O sabor das margaridas e Vivir sin permiso son hoxe obxecto de análise na segunda xornada do encontro internacional de coprodución de ficción televisiva que se celebra esta semana en Santiago
As empresas do Clúster Audiovisual Galego manterán mañá diferentes reunións con compañías de Alemaña e Colombia, países convidados nesta segunda edición do evento que promoven Xunta, ICEX e Fundación SGAE
Catro proxectos españois verán impulsado o seu desenvolvemento como gañadores das sesións de pitching celebradas onte na Cidade da Cultura

O audiovisual galego ten un especial protagonismo no programa que desenvolve hoxe e mañá Conecta FICTION, evento internacional de coprodución televisiva que se celebra desde o pasado luns en Santiago baixo a organización da Xunta de Galicia, ICEX España Importación e Inversiones e Fundación SGAE. Cincocentos profesionais dunha vintena de países, entre os que se atopan representantes de 35 canles e plataformas internacionais, están a asistir ás diferentes actividades do encontro na Cidade da Cultura de Galicia e noutros espazos de Compostela.
O programa de hoxe xirará arredor de paneis, visionados de series en primicia, presentacións e tres casos de estudo doutras tantas series con participación galega. Esta mesma mañá presentáronse Hierro, primeira coprodución internacional de Movistar Series, capitaneada pola produtora galega Portocabo e con Jorge Coira como director; e O sabor das margaridas, thriller de CTV para TVG que dirixirá Miguel Conde e protagonizarán Nerea Barros e María Mera. Esta serie conta, ademais, cunha subvención da Xunta a través da convocatoria de axudas a producións e coproducións audiovisuais que acaba de resolver a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Xa pola tarde, será a quenda de Vivir sin permiso, serie de Mediaset rodada nas Rías Baixas e na que José Coronado dá vida a un capo retirado tras estar á fronte dun gran imperio da droga.
Peche co CLAG
As xornadas profesionais de Conecta FICTION rematan mañá cun programa que inclúe varias actividades co Clúster Audiovisual Galego (Clag). A primeira delas é un encontro entre produtoras de Galicia e Colombia, un dos países convidados nesta segunda edición do evento. Cunha industria audiovisual en continuo crecemento, as súas empresas procuran estender as coproducións con todo o mundo e Galicia ofrécese para elas como plató de rodaxe.
Similares obxectivos teñen as reunións con produtoras de Alemaña, segundo país de honra, coas que se buscará estreitar lazos e debater estratexias comúns.
Entrega de premios
Ademais, na noite de onte tivo lugar no Auditorio Abanca a entrega dos premios das sesións de pitching de Conecta FICTION aos catro proxectos españois seleccionados entre os 31 internacionais que optaban a impulsar o seu desenvolvemento en colaboración coas empresas patrocinadoras.
Así, no Pitch Copro Series de coprodución internacional foi elixido Día cero, de Versus Entertainmet, que obtén un contrato de desenvolvemento con Movistar+. A Fundación SGAE contou tamén coa súa propia sesión de pitching, pensada para promover a produción en España e na que TVE seleccionou a serie Malaka, de Daniel Corpas.
RTVE apoia tamén as series dixitais a través da súa plataforma Playz, onde poderá verse Streisand Effect, de Compacto, gañadora do Pitch Digiseries.Por último, o concurso de Branded Content, patrocinado por Estrella Galicia, foi gañado por From Galicia, with love, de Javier Aguayo e Paula Delgado.
Aínda que os encontros profesionais rematan mañá, a programación arredor da ficción televisiva continuará ata o día 22 con Conecta Fiction FEST, que ofrece un completo menú para seriéfilos o xoves e o venres no Teatro Principal e o Auditorio Abanca. Estas sesións estarán abertas ao público en xeral, que poderá achegarse ás salas a descubrir as últimas series de Movistar +, algunhas delas en primicia.