Colaboración coa Fundación Araguaney para ofrecer unha mostra de cinema libanés
‘O Líbano en 8 mm’ proxectará catro longametraxes do 25 ao 28 de novembro en Santiago de Compostela
Os títulos escollidos son ‘1982’, ‘Costa Brava, Lebanon’, ‘Dancing on the Edge of a Volcano’ e ‘Capharnaün’, todos eles arredor da situación de conflito do país asiático e recoñecidos en certames internacionais
A nova mostra de cinema Líbano en 8 mm amosará durante a próxima semana en Santiago de Compostela unha selección de catro longametraxes que abordan, a través da ficción e do documental, a situación social e de conflito bélico no sur do país asiático. A Xunta de Galicia patrocina esta iniciativa organizada pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas como actividade asociada á recentemente desenvolvida Semana de Cine Euroárabe AMAL, coa que se continúa a expoñer a realidade actual de Oriente Próximo a través do audiovisual.
En representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, participou hoxe na presentación aos medios de O Líbano en 8 mm o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen, xunto ao presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Martínez, detallou a carteleira de filmes que se proxectarán do 25 ao 28 de novembro, ás 20,00 h., no Salón Olivo do Hotel Eurostars Araguaney, con entrada de balde previa retirada de convites.
Para Anxo M. Lorenzo, esta nova cita cultural vén a enriquecer aínda máis a xa ampla oferta audiovisual galega cara ao público xeral, facéndoo, ademais “a través dun cinema que non é doado de ver nos circuítos comerciais e que sitúa o espectador diante de interesantes e comprometidas miradas de cineastas recoñecidos en festivais internacionais, reflectindo realidades sociais de tanto impacto en imaxes como a que está a vivir O Líbano e todo Oriente Próximo na actualidade”, expresou.
Percorrido polo mellor cinema libanés
Os catro títulos escollidos para esta mostra compoñen un percorrido polo mellor cinema libanés dos últimos anos. Trátase de tres obras de ficción: 1982, de Oualid Mouaness; Costa Brava, Lebanon, de Mounia Aki; e Capharnaün, de Nadine Labaki, e o documental Dancing on the Edge of a Volcano, de Cyril Aris.
A mostra dará comezo o luns 25 coa proxección de 1982, longametraxe que se sitúa no ano no que cambiou O Líbano. Nas aforas da capital, Beirut, a vida permanece en tensa calma mentres se suceden as explosións e os disparos. Con ese escenario bélico de fondo, Wissam, un neno de 11 anos, busca unha oportunidade para confesarlle o seu amor a unha compañeira de clase.
O martes 26 será a quenda de Costa Brava, Lebanon. A fita presenta a historia dos Badri, que fuxiron de Beirut para construír a súa propia utopía, lonxe da polución e a conflitividade da grande urbe. Mais este oasis de resistencia ao capitalismo global vese ameazado polos avances dun vertedoiro moi próximo e polas fendas internas da familia.
O Líbano en 8 mm continuará o mécores 27 con Dancing on the Edge of a Volcano, documental que aborda o suceso do 4 de agosto de 2020, cando unha explosión no porto de Beirut devasta gran parte da cidade. Directamente afectado pola catástrofe, un equipo de filmación libanés decide continuar gravando a súa película, como xeito de resistencia e supervivencia.
A última película do ciclo será Capharnaün, o xoves 27. Nela, Zain, un neno de 12 anos intelixente e valente, sobrevive aos perigos das rúas da cidade grazas ao seu enxeño. Fuxindo dos seus pais e facendo valer os seus dereitos, recorre á xustiza para demandalos polo ‘crime’ de darlle a vida.
Aínda que o acceso ás proxeccións é gratuíto, cómpre a reserva previa de invitacións (cun máximo de dúas por persoa) no correo electrónico info [at] fundacionaraguaney.org.
- Fotograma: Capharnaün, de Nadine Labaki