As subvencións á creación escénica incrementan o seu orzamento nun 8,7%
Destínanse 870.000 euros á produción de novos espectáculos galegos de teatro, danza, circo e maxia, reforzando a modalidade para proxectos plurianuais de compañías consolidadas
Apróbanse as bases da súa convocatoria para 2025
O Consello da Xunta deulles o visto e prace ás bases da convocatoria de 2025 de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais á creación escénica, que experimentan un incremento do 8,7% na súa dotación respecto a 2024 e se sitúan nos 870.000 euros. Este importe investirase na produción de novos espectáculos de teatro, danza, circo e maxia por parte de compañías profesionais galegas, con especial incidencia no apoio aos proxectos plurianuais de empresas xa consolidadas.
Así, a modalidade cuarta destas axudas contará con 300.000 euros, 100.000 máis que en 2024, para potenciar o traballo a medio prazo e a continuidade dos equipos e proxectos de compañías cunha traxectoria de, cando menos, 10 anos e unha solidez acreditada. Poderán subvencionarse ata tres proxectos para o trienio 2025-2027, un máis que na convocatoria anterior, cun máximo de 100.000 euros cada un e un límite do 80% sobre o orzamento subvencionable.
En canto á categoría para produción de teatro, circo e maxia, resérvanse 400.000 euros para apoiar novas propostas, que poden acadar axudas de ata un 75% do seu orzamento, cun límite de 60.000 euros por espectáculo. Outros 100.000 euros están destinados a montaxes de danza e artes do movemento, tamén ata o 75% e cun máximo fixado en 37.500 euros. Para os proxectos de empresas de nova creación, a convocatoria reserva unha partida de 70.000 euros cun límite de 20.000 por adxudicación e ata un apoio máximo do 90% sobre o orzamento presentado.
A de creación escénica é a principal das liñas de subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao sector galego das artes escénicas, que en 2025 tamén contará, entre outras, con convocatorias específicas para a programación das salas privadas, a organización de festivais, a distribución de espectáculos e a contratación de compañías galegas mediante o programa Cultura no Camiño.
A través delas, en 2024 adxudicáronse os 800.000 euros convocados a 29 compañías escénicas galegas para a creación e produción de novas montaxes que integran xa a oferta cultural da nosa comunidade.
- Imaxe: 'Anoa' de Elvi Balboa Fotografía: Rocío Cibes