Share

Increméntanse nun 7,5% as axudas a salas privadas de artes escénicas cunha dotación de 215.000 euros

O Diario oficial de Galicia publica a convocatoria anual desta liña de apoio, coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude abre o seu programa de subvencións ás industrias culturais galegas para 2025

O obxectivo é garantir a estabilidade dunha programación de carácter profesional por parte deste tipo de espazos de xestión privada e cunha capacidade máxima de 150 localidades

A Xunta abre o seu programa de subvencións ás industrias culturais galegas para 2025 coa publicación, hoxe, no Diario Oficial de Galicia da convocatoria de axudas a salas de artes escénicas de titularidade privada. Trátase dunha liña dotada con 215.000 euros que supón un incremento o 7,5 por cento respecto a 2024, mantendo así a tendencia á alza no investimento destinado a garantir a estabilidade dunha programación de carácter profesional por parte deste tipo de locais.

Este reforzo económico vén motivado polo seu destacado papel na difusión e creación de públicos para o sector escénico, ademais de pola positiva incidencia desta liña de apoio nos catro espazos subvencionados nos últimos anos: Sala Ártika e Teatro Ensalle en Vigo e Teatro del Andamio e Sala Gurugú na Coruña. Así, en 2023, e tras unha subida de máis do 33% que situou estas axudas nos 200.000 euros, as beneficiarias incrementaron a súa actividade en algo máis do 56% respecto ao ano anterior, programando 355 funcións ás que acudiron preto de 15.800 persoas.

Prazo ata o 20 de decembro

O prazo de solicitude destas subvencións estará aberto desde mañá e ata o 20 de decembro para aquelas persoas profesionais autónomas ou xurídicas privadas xestoras de salas de artes escénicas e posuidoras da correspondente licenza de apertura, sempre que tiveran realizado un mínimo de 50 representacións durante 2024. Ademais, a capacidade das salas que opten a elas non pode superar as 150 localidades.

Cada unha das entidades beneficiarias poderá obter unha axuda máxima de 75.000 euros cun límite do 75% do gasto subvencionable. A contía recibida destinarase a gastos vinculados á contratación de espectáculos, servizos técnicos e auxiliares asociados, dereitos de autor, contratación de persoal, comunicación e publicidade, ademais de ata o 20% dos custos indirectos como alugueiros, subministracións ou gastos correntes.

A súa concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva a partir da avaliación dunha comisión, que terá en conta criterios como a antigüidade da empresa, a capacidade do local e a súa pertenza á Rede Galega de Salas en 2024. O proxecto de programación, con aspectos como o número de funcións ou a contratación de compañías galegas, son outras das cuestións que se valorarán, así como os plans de financiamento, de comunicación ou de creación de públicos.

Esta é a primeira dunha quincena de convocatorias do novo programa anual de subvencións para os sectores das artes escénicas, a música e o audiovisual, que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. No caso do ámbito escénico, apoiarase tamén a creación de novos espectáculos, a súa circulación dentro e fóra de Galicia, a organización de festivais e a exhibición no circuíto Cultura no Camiño.