Cincuenta e catro actrices e actores participan nas audicións do CDG para o espectáculo 'Divinas palabras'
Nas probas que se celebran en Santiago escolleranse sete dos nove intérpretes que traballarán baixo a dirección de Xesús Ron na posta en escena da primeira versión en galego desta obra de Valle-Inclán
A nova produción do Centro Dramático Galego estrearase o 12 de abril na súa sede do Salón Teatro
O CDG desenvolve esta semana as probas de interpretación para seleccionar parte do elenco de Divinas palabras, de Valle-Inclán. Cincuenta e catro intérpretes (30 actrices e 24 actores) participan nas audicións para sete dos nove personaxes da primeira versión en galego desta “traxicomedia de aldea”, como a subtitulou o seu autor.
Xesús Ron preside o tribunal en calidade de director artístico de Divinas palabras, espectáculo para o que contará con outros dous integrantes do Grupo Chévere, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés, nos dous papeis protagonistas (Mari Gaila e Pedro Gailo). Os candidatos e candidatas que superaron a primeira parte do proceso, para o que se recibiron 169 solicitudes, optan agora aos outros sete papeis da produción: Sétimo Miau, Simoniña, Miguelín, Pedáneo, Marica del Reino, A Tatula e Laureano.
Con Divinas palabras, a compañía institucional continuará afondando na obra do gran escritor arousán co obxectivo de avanzar na súa incorporación ao repertorio teatral en galego, como xa fixo en 2017 con dúas das pezas de Martes de Carnaval: As galas do defunto e A filla do capitán.
Retrato descarnado
Segundo sinalou o propio Ron con motivo da presentación da temporada 2017-2018 do CDG, o novo proxecto da compañía pública achegarase a unha das obras teatrais máis coñecidas de Valle-Inclán coa “mirada desinhibida e confusa dunha lectura actual”. A aldea valleinclanesca transformarase aquí nun plató de televisión, desde o que –como xa fixera o seu autor hai cen anos– se ofrecerá un retrato descarnado da miseria moral contemporánea, dun pobo que permanece inconsciente da súa ferocidade.
Ademais, coa posta en escena de Divinas palabras en galego saldarase dalgún xeito unha débeda pendente da compañía teatral da Xunta de Galicia que, desde a súa fundación hai 33 anos, non puidera levar a cabo este proxecto ao non estaren liberados os dereitos para a tradución de Valle-Inclán.
O Centro Dramático Galego estreará esta montaxe o 12 de abril na súa sede compostelá do Salón Teatro e poderá verse tamén noutros escenarios galegos, así como no Teatro Español de Madrid, onde será representada durante 10 días no mes de maio.
-Web do CDG