A Agadic colabora coa Federación de Cineclubes na organización de 24 ciclos e semanas de cine en 16 localidades
Este apoio increméntase ata os 30.000 euros en 2018, segundo se recolle no convenio asinado hoxe por Jacobo Sutil e Manuel Precedo
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educació apoia un ano máis a Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga) no desenvolvemento dunha ampla programación nos seus cineclubs asociados, que durante 2018 teñen previsto organizar 24 ciclos e semanas de cine en 16 localidades.
Segundo se recolle no convenio de colaboración asinado hoxe polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da Feciga, Manuel Precedo, a achega económica da Xunta a esta oferta audiovisual sitúase este ano en 30.000 euros, cun incremento de 5.000 euros respecto a 2017. A través desta contribución, favorécese o mantemento dunha oferta audiovisual e de calidade nos cineclubs galegos, ao tempo que impulsa o seu labor de difusión e de creación de públicos para o cinema.
O obxectivo último é reforzar o papel destas asociacións culturais como alternativa á exhibición cinematográfica dos circuítos comerciais e, nalgúns dos casos, como única posibilidade de ver cinema en pantalla grande para os espectadores das súas localidades.
Como en anos anteriores, a nova programación da Federación de Cineclubes de Galicia articúlase arredor de 14 ciclos e de 10 semanas de cine. Organizados pola Feciga a partir dunha temática ou estilo determinados, a carteleira de cada un dos ciclos previstos é seleccionada polos centros participantes a partir do catálogo proposto. No caso das semanas de cine, a organización corre a cargo dos propios cineclubs que, xunto coas proxeccións dos filmes, desenvolven diferentes actividades paralelas como debates, obradoiros e exposicións.
Os cineclubs incluídos inicialmente no programa de ciclos son os de Bueu, Cangas de Morrazo, Poleiro de Goián (Tomiño), A Illa de Arousa, Valle Inclán de Lugo, Liceo de Noia, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Padre Feijoo de Ourense, Pontevedra, A Lanterna de Viana do Bolo, Lumière de Vigo, Adega de Vilagarcía de Arousa e Pensamento e Sementeira de Viveiro. Pola súa banda, as semanas de cine terán lugar nos devanditos cineclubs de Cangas, Lugo, O Barco, O Carballiño, Ourense, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, ademais de nos Papeiros de Chantada e na Calexa de Monforte de Lemos.