Share
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou o equipo durante unha das xornadas de filmación no concello ourensán de Vilar de Barrio

Avanza a rodaxe de ‘Tralovento’, a nova película de Eloy Domínguez Serén

Zeitun Films conta cunha achega de máis de 255.000 euros para esta coprodución internacional, que tamén recibiu axuda para a fase previa de desenvolvemento do proxecto

Galicia acolle estes meses a gravación doutros cinco traballos de cine e televisión subvencionados polo Goberno galego: Antes de Nós, Romería, Onte á noite conquistei Tebas, Rondallas e Lume

A provincia de Ourense está a ser o escenario de Tralovento, a nova película de Eloy Domínguez Serén, que comezou a súa rodaxe a mediados de agosto e encara xa as últimas xornadas da primeira fase de filmación. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou esta mañá o set instalado en Vilar de Barrio, onde puido comprobar o avance desta coprodución internacional, para a que a compañía galega Zeitun Films dispón dunha subvención da Xunta de máis de 255.000 euros.

Ademais deste apoio a través da convocatoria de axudas á produción ou coprodución de proxectos audiovisuais galegos de 2022, Tralovento contou tamén cunha achega previa de 20.000 euros no marco da liña para desenvolvemento de proxectos na súa fase de preprodución.

José López Campos felicitou por este novo traballo o director Eloy Domínguez Serén, quen regresa ao formato longo tras No Cow on The Ice (2015) e Hamada (2018). O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o conselleiro nesta visita, na que tamén tivo a oportunidade de saudar o produtor executivo do filme, Felipe Lage; a actriz protagonista, Melania Cruz, e o resto do equipo.

Sinopse

A xornada de hoxe desenvolveuse no taller que, na película, recibe en herdanza a protagonista da historia. Trátase de Ana, quen regresa á súa vila natal tras a morte do pai. Aínda que a súa intención é marchar despois do enterro, sente a necesidade de quedar pola familiaridade, acougo e benestar que lle transmite o lugar, pero tamén pola intención dunha compañía eléctrica de instalar un parque eólico que afectaría os terreos da súa familia.

Xosé Barato, Gonzalo Uriarte e Mónica García forman parte tamén do reparto do filme, que ademais de en Vilar de Barrio, está a desenvolver esta primeira fase de rodaxe noutros concellos ourensáns como Verín, Monterrei, Cualedro, Laza, Vilardevós ou Castrelo do Val.

Tralovento, que Zeitun Films coproduce coa grega Asterisk*, é unha das seis películas e series rodadas en Galicia entre os meses de agosto e setembro con financiamento da Xunta mediante diferentes convocatorias para o sector audiovisual.

Galicia como plató

A serie galego-portuguesa Lume, de Setemedia, concluíu estes traballos hai dúas semanas, ao tempo que avanzan os da película Antes de Nós, de Zenit TV con Ángeles Huerta na dirección, e a preparación da inminente gravación en Bande de Onte a noite conquistei Tebas, debut de Gabriel Azorín na realización de longas con Filmika Galaika na produción.

Ao igual que Tralovento, estes tres títulos recibiron subvención a través da liña para produción ou coprodución de proxectos audiovisuais galegos, mentres que outros dous que se filman estes días en diferentes localizacións da provincia de Pontevedra (Romería, de Carla Simón, e Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo) contan con axuda do fondo autonómico para a atracción de rodaxes.