O cinema galego amplía a súa sección propia no London Spanish Film Festival
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora con Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema e co Galician Film Forum para impulsar o apartado 'Letters from Galicia' na 20ª edición do certame
Apóianse as proxeccións en versión orixinal galega das longametraxes O Corno e Salvaxe, salvaxe, así como dunha selección de seis curtas
O encontro, que se desenvolve na capital británica ata o 25 de setembro, completa esta fiestra audiovisual de produción galega con Justicia Artificial, Tratamos demasiado bien a las mujeres e El sueño de la sultana
O cinema galego volve contar cunha sección propia no London Spanish Film Festival, denominada Letters from Galicia, para exhibir na capital británica algunhas das producións do cinema galego máis recente. A Xunta de Galicia colabora coa asociación Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, e a plataforma Galician Film Forum nesta segunda edición da iniciativa ao abeiro do certame londiniense, que se desenvolve desde onte e ata o vindeiro día 25.
Letters from Galicia acollera as proxeccións de O Corno (2023) e o documental Salvaxe, Salvaxe (2024), ademais dunha selección de seis curtas de varios xéneros e formatos da que forman parte Habitar (2023), Véxote (2024), To Bird or Not To Bird (2023), Non te vexo (2023), Queimar cando morra (2024) e Alguén me chamou serpe negra (2024).
Así e co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, amplíase o foco galego neste festival que dirixe a produtora catalá Joana Granero. O obxectivo é contribuír a reforzar a oferta cultural de Galicia na capital británica, no marco dun dos eventos que máis sona ten entre a comunidade española e foránea, e na liña do traballo desenvolvido desde 2015 polo colectivo Galician Film Forum como espazo de exhibición do noso cine en Londres.
Encontros con Janet Novas e Emilio Fonseca
A programación seleccionada constata a realidade que vive o audiovisual galego, cunha presenza destacada en festivais internacionais, onde colleita recoñecementos como a Concha de Oro acadada por O Corno na anterior edición do Festival de San Sebastián. A longa dirixida por Jaione Camborda poderá verse no London Spanish Film Festival o vindeiro domingo 22, ás 18,00 h., e a sesión incluirá un encontro con Janet Novás, gañadora do Goya á mellor actriz revelación polo seu papel nesta película.
O luns 23, á mesma hora, exhibirase o documental Salvaxe, Salvaxe, de Emilio Fonseca, quen tamén participará nun coloquio posterior. E o martes 24, a partir das 18,30 h., será a quenda das curtas Habitar, de Anxos Fazáns e gañadora este ano do premio da MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico) do Museo do Pobo Galego; Queimar cando morra, de Inés Pintor; Non te vexo, de Xacio Baño; To Bird or Not To Bird, de Martín Romero premiada na última edición dos Goya; Alguén me chamou serpe negra, unha animación de Borja Santomé; e Véxote, de Óscar Pardo. A fórmula de exhibición acordada co festival para estes oito títulos é a versión orixinal galega con subtítulos en inglés.
Ademais da escolma apoiada pola Xunta, tamén forman parte da fiestra galega no 20º London Spanish Film Festival outras tres longametraxes con participación galega. Trátase da recentemente estreada Justicia Artificial, de Simón Casal; Tratamos demasiado bien a las mujeres, a ópera prima de Clara Bilbao, e a primeira longa de animación de Isabel Herguera, El sueño de la sultana.
Case 40 títulos no programa
Ao longo de oito días, o certame londiniense vai proxectar case 40 películas nas sedes do Ciné Lumière e Riverside Studios, cun programa de filmes a competición, mostras e retrospectivas, ademais das seccións dedicadas a recoller as distintas cinematografías estatais, con espazos específicos para as producións de Galicia, País Vasco e Cataluña.
Unhas 5000 persoas asisten ao festival cada ano, cunha mestura na que destaca o público británico, seguido do español e do latino. Letters from Galicia é, polo tanto, un excelente escaparate do audiovisual galego en Gran Bretaña, que permite afondar na promoción exterior do noso cinema a través de historias propias.