Share

O Festival de Música Antiga e Barroca de Santiago de Compostela presenta a programación da súa sexta edición

A cita celebrarase do 2 ata o 16 de outubro con concertos e outras actividades complementarias en Santiago de Compostela

O director xeral de Cultura salienta a colaboración do Goberno galego con esta iniciativa e pon en valor ao Ateneo como “espazo de entendemento e coñecemento” na promoción de propostas para a cidadanía

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo asistiu hoxe ao acto de inauguración do VI Festival de Música Antiga e Barroca organizado polo Ateneo Barroco que se celebra do 2 ata o 16 de outubro e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. Neste encontro convidou á cidadanía a achegarse ata Santiago de Compostela para “gozar da cultura e da música neste encontro ao que se van achegar artistas destacados desta modalidade musical”.

Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que o certame, que vai pola súa sexta edición, ofrecerá concertos e distintas actividades complementarias que se atopan enmarcadas dentro dos obxectivos do Goberno galego de reactivar e apoiar o sector musical en todos os xéneros. Neste senso, o director xeral de Cultura salientou que esta cita conta coa colaboración da Xunta a través das subvencións a festivais.

No marco desta presentación, Anxo M. Lorenzo tamén puxo en valor ao Ateneo de Santiago, “unha entidade xa consolidada como espazo de entendemento e coñecemento, que promove diversas actividades para a cidadanía”. Deste xeito, sinalou “o importante que é que, dende as institucións públicas, se lles dea axuda a asociacións que difunden e dan valor á nosa cultura”.

Certame e actividades complementarias

A cita inclúe os concertos que terán lugar en diferentes localizacións onde o mércores 2 de outubro actuarán no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia a soprano Roberta Invernizzi, o tenor Marcello Nardis e Ars Atlántica dirixidos polo director Manuel Vilas. O sábado cinco será o turno de Concert le Phénix e Fernando Santiago na igrexa da Universidade, onde tamén estarán El Afecto Ilustrado e Adrián Linares o martes 15.

O Teatro Principal acollerá o luns 7 de outubro a Dolce Rima, o martes 8 a Diego Ares e o sábado 12 a La Reverencia e a Andrés Alberto Gómez. Finalmente, a carón destas citas, tamén haberá unha serie de actividades complementarias que inclúen outros encontros como conferencias, un club de lectura, unha proxección e improvisacións.