Share

A Agadic edita un manual pioneiro para a avaliación do impacto económico e social dos festivais

Francisco Javier Núñez Alonso asina ‘Da medición do impacto á mellora. Metodoloxía de avaliación de eventos culturais. O caso do Festival de Cans’, xa á venda na Libraría Institucional da Xunta

O libro, realizado a partir da tese de doutoramento do seu autor, ofrece o método ‘Avaliación 360º’ para simplificar a recollida de información sobre os encontros obxecto de estudo e crear un sistema propio de indicadores de medición

A Agadic edita un manual pioneiro para a avaliación do impacto económico e social dos festivais
A Agadic acaba de editar Da medición do impacto á mellora. Metodoloxía de avaliación de eventos culturais. O caso do Festival de Cans, estudo pioneiro na investigación cultural que asina Fran Núñez. O manual achega unha metodoloxía propia, a Avaliación 360º, aplicada ao certame porriñés e extrapolable a outros festivais e encontros culturais.
A publicación foi presentada hoxe diante do alumnado da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) polo seu autor, quen estivo acompañado por Jacobo Sutil, director da Agadic, e por Francisco Javier Sanjiao, profesor de Economía Aplicada da USC e director da tese de doutoramento que deu orixe a este libro, xa á venda a través da Libraría Institucional da Xunta de Galicia.
 
Gran coñecedor do sector cultural galego como fundador de Limiar Teatro e como produtor, director teatral, dramaturgo, escenógrafo, iluminador ou actor, Fran Núñez fai aquí unha análise do impacto dos festivais galegos nas súas dimensións económica, social e mediática (repercusión en medios de comunicación e na cultura en xeral).
 
Como explicou Jacobo Sutil, para conseguilo utiliza unha metodoloxía orixinal denominada Avaliación 360º, que simplifica a recollida, procesamento e análise da información sobre o evento obxecto de estudo e crea un sistema propio de indicadores de medición a partir dos que tamén se poden determinar as cuestións que precisan axustes ou melloras por parte da organización dos eventos.
 
Futuras aplicacións prácticas
Esta novidade metodolóxica, unida á súa utilidade práctica, levaron á Agadic a asumir a publicación do manual en formato físico, tendo en conta ademais a escaseza deste tipo de achegas científicas no ámbito cultural. De feito, como adiantou Jacobo Sutil, son varios os eventos e promotores culturais galegos que xa manifestaron o seu interese en incorporar este método ás súas planificacións de xestión.
 
Nesta publicación, Fran Núñez comeza facendo un estudo da evolución do investimento do sector público desde os primeiros anos do actual período democrático, para pasar a desagregar as principais características dos eventos culturais, establecendo unha serie de categorías que favorecen unha análise máis sinxela e homoxénea.
 
A continuación, demostra as posibilidades prácticas do método Avaliación 360º coa súa aplicación ao Festival de Cans. Deste xeito, ofréceselles aos xestores culturais unha valiosa ferramenta para medir a rendibilidade dos fondos públicos investidos na organización deste tipo de eventos, ao tempo que se motiva o investimento por parte do sector privado.
 
Da medición do impacto á mellora. Metodoloxía de avaliación de eventos culturais. O caso do Festival de Cans significa, ademais, un avance substancial canto ao estudo do público dos festivais, factor determinante para orientar futuras estratexias de captación e fidelización de asistentes, así como de posibles vías de crecemento.

-Venda de exemplares na Libraría Institucional da Xunta de Galicia