Share

Aporía Escénica regresa ao Salón Teatro de Santiago con catro funcións de '6 cubos negros en corpo branco'

A última proposta da compañía viguesa, producida co apoio da Agadic, representarase na sede do CDG desde mañá ata o domingo

Diana Mera é a autora e directora desta traxicomedia sobre a represión feminina na familia e na sociedade, moi influenciada polo universo de ‘La casa de Bernarda Alba’

Aporía Escénica regresa ao Salón Teatro de Santiago con catro funcións de '6 cubos negros en corpo branco'
O Salón Teatro de Santiago, sede do CDG, recibe de novo a Aporía Escénica, que representa 6 cubos negros en corpo branco, a súa nova produción. Diana Mera é autora e directora deste espectáculo, que contou co apoio económico da Agadic a través das axudas a produción escénica de 2017 e que poderá verse  ata o vindeiro domingo 13. 
Aporía Escénica, que hai un ano xa visitara o Salón Teatro coa súa premiada 30 e tantos ósos, afonda de novo no universo feminino con esta traxicomedia sobre a represión nos ámbitos familiar e social, con tinturas de humor negro e absurdo e moitas referencias ao universo lorquiano de La casa de Bernarda Alba.
 
En escena, seis actrices habitan un espazo en branco e negro, subxugadas pola omnipresenza do frío que emana do gran frigorífico branco que lles sirve de fondo. Suspendidas no tempo, atópanse a cabalo entre dúas épocas: a analóxica e a dixital. Ao longo do espectáculo, o público asiste á desconxelación gradual dos corpos das actrices, que pasan do hieratismo á organicidade nunha atmosfera chea de inquietude na que destacan os laios do violín.
 
O elenco, composto por María Salgueiro, Rosa Puga Davila, Marta Pérez, Lucía Hernández, Nerea Brey e Diana Mera, levará a escena esta peza desde mañá ao sábado ás 20,30 h. e o domingo ás 18,00 h.
 
As entradas para 6 cubos negros en corpo branco poden adquirirse de xeito anticipado no web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do Salón Teatro, estarán á venda desde dúas horas antes do comezo de cada función. O prezo é de 10 euros, cos descontos habituais.
 
Tras estas representacións, o Salón Teatro acollerá unha xornada de portas abertas o xoves 17 con motivo de celebración do Día das Letras Galegas, para dar paso, na semana seguinte, ao ciclo Teatro Ob-sceno do programa de residencias do CDG.

-Máis información
-Venda anticipada de entradas