Share

A Agadic e seis empresas levan o audiovisual galego ao mercado MIPTV de Cannes

A Xunta promove esta misión comercial na meirande feira de formatos, programas e contidos dixitais e para televisión, onde presentará ademais a segunda edición do encontro de coprodución de series Conecta FICTION

Participan Adivina Producciones, CTV Televisión, Maruxiña Films, Pórtico de Comunicación, Treeline Distribution e Voz Audiovisual

A Agadic e seis empresas levan o audiovisual galego ao mercado MIPTV de Cannes

Seis empresas galegas participan desde mañá no mercado MIPTV de Cannes como parte da misión comercial que, un ano máis, impulsa a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) na meirande feira mundial para a comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos dixitais para televisión.A organización desta delegación insírese nas accións de promoción exterior do audiovisual galego que a Xunta desenvolve nos principais encontros internacionais do sector baixo a marca Films from Galicia, así como a través da convocatoria de subvencións para a difusión do noso audiovisual en festivais de prestixio.
 
Nesta ocasión, os representantes de Adivina Producciones, CTV Televisión, Maruxiña Films, Pórtico de Comunicación, Treeline Distribution e Voz Audiovisual viaxan a Cannes para buscar socios e compradores internacionais tanto para os seus novos proxectos como para os produtos xa en fase comercial.
 
É o caso, por exemplo, de CTV Televisión, que se presenta no mercado con Tres flores sen piedade, proxecto en fase de desenvolvemento arredor dunha historia sobre tres mulleres que, a finais dos sesenta, emprenden unha vida delituosa para asegurar o futuro da súa familia.
 
Como en anos anteriores, o punto de encontro desta misión institucional e empresarial é o espazo da marca Films from Galicia dentro do pavillón español, organizado polo Instituto de Comercio Español (ICEX) en coordinación cunha trintena de empresas e entidades de ámbito autonómico e estatal.
 
TV from Galicia
Baixo esta mesma marca, dedicada á promoción internacional do audiovisual de produción galega, a Agadic está a distribuír a nova edición do seu catálogo de produtos cinematográficos e televisivos, que no apartado TV from Galicia recolle proxectos de series como Hierro (Portocabo) e As crisálidas (Matriuska Producciones) e formatos de entretemento como Historias mínimas (Tamboura Films) e O sal da terra, A vida é doce e Casamos! (Zenit Televisión).
 
O catálogo tamén ofrece información sobre series xa rematadas, na procura de vendas internacionais como a coprodución galego-catalá Os fillos do sol, Juana de Vega, vizcondesa do arado, Camiños de irmandade, Rosalía de Castro, Vidago Palace e Viradeira.
 
Conecta FICTION e Galicia Calidade
O MIPTV será, así mesmo, o escenario para unha nova presentación da segunda edición deConecta FICTION, o encontro promovido pola Xunta de Galicia que celebrará a súa segunda edición en Santiago de Compostela do 18 ao 21 de xuño como único evento dedicado en exclusiva a poñer en relación os profesionais da ficción televisiva de América Latina, Estados Unidos e Europa. Os delegados internacionais asistentes a este cóctel-presentación terán a oportunidade de degustar produtos galegos grazas á colaboración de Galicia Calidade.
 
A do MIPTV en Cannes, que se celebra desde mañá e ata o 11 de abril, é unha das máis importantes citas internacionais do sector cara á produción e comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos para televisión. O evento reúne cada ano uns 11.000 profesionais dun centenar de países, entre os que preto de 4.000 rexístranse como compradores. Este ano, o encontro amplía a súa oferta a través do festival Canneseries, dentro do que terá lugar o foro de coprodución In Development.

-MIPTV