Share

Arranca este domingo a nova edición de Danza 3 coa actuación de Cantigas e Agarimos en Vedra

A Agadic colabora un ano máis co colectivo compostelán, xunto con Xacarandaina e mais O Fiadeiro, para levar a cabo 15 citas co baile e a música tradicionais en distintos concellos

Arranca este domingo a nova edición de Danza 3 coa actuación de Cantigas e Agarimos en Vedra
A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) inaugura este domingo 8 de abril o programa Danza 3 coa actuación do colectivo compostelán Cantigas e Agarimos en Vedra. A cita, ás 16,30 h. no Campo da Festa de San Miguel de Sarandón, é a primeira das 15 previstas na edición de 2018 deste ciclo para a difusión do baile a música tradicionais galegas.
A programación completa, na que novamente participan tamén o grupo vigués O Fiadeiro e a formación coruñesa Xacarandaina, percorrerá ata o mes de outubro distintos espazos pechados e ao aire libre para compoñer un calendario de encontros co público de, entre outros, os concellos de Allariz, Arzúa, As Nogais, Bande, Burela, Caldas de Reis, Guitiriz, Marín, Monforte de Lemos, Muros, Ourense, Soutomaior, Pontedeume.
 
No caso das actuacións ao aire libre, as agrupacións exhibirán a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio, nunha proposta artística que se adaptará a cada un dos espazos e a través da que se buscará implicar aos espectadores. En cambio, para os escenarios dos teatros e auditorios que acollen o programa, cada colectivo ten preparado un espectáculo especial coa incorporación de deseños de escenografía e iluminación.
 
Así, Cantigas e Agarimos, despois de visitar Vedra, actuará en Allariz, Caldas de Reis e Monforte de Lemos. Xacarandaina percorrerá durante o verán Pontedeume, Muros, Guitiriz e Marín, e rematará a súa xira no Auditorio Municipal de Burela en outubro. O Fiadeiro ofrecerá o seu primeiro espectáculo no Auditorio Municipal de Ourense o 13 de maio e continuará coas súas representacións en Soutomaior, As Nogais e Bande, para rematar o 16 de agosto en Arzúa.
 
A Agadic colabora por sexto ano consecutivo co colectivo XOC, integrado por estas tres asociacións culturais que traballan durante todo ano para darlle visibilidade ao folclore galego, tanto a través das actividades de exhibición que realizan dentro e fóra das súas sedes como dos cursos de formación e de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial galego, que dirixen aos seus asociados e a alumnado externo. 

Máis información:
-Xacarandaina
-O Fiadeiro
-Cantigas e agarimos