A 19ª Mostra de Cinema Etnógrafico aborda o cinema máis político nun programa que busca a ollada das mulleres
Poderán verse 67 pezas entre o 20 e o 26 de marzo, con 13 filmes a concurso dos que oito están dirixidos por mulleres
O Goberno galego reforza o seu compromiso cos festivais profesionais do sector audiovisual cunha liña de subvencións que en 2024 ascende a 300.000 €
A Xunta achega o Salón Teatro como unha das sedes para as proxeccións dos días 21 e 22 de marzo
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá na presentación da programación da 19ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego, que do 20 ao 26 de marzo abrirá en Santiago de Compostela a temporada anual de festivais profesionais galegos de cinema.
Ao longo do encontro poderán verse 67 pezas procedentes de máis dunha ducia de nacionalidades. Serán 13 os filmes que compitan na sección oficial, dos que oito están dirixidos por mulleres. Deste xeito, a mostra, dirixida desde a primeira edición por Ana Estévez Lavandeira, volve un ano máis a darlle visibilidade ao traballo das realizadoras e directoras, o que supón un 50 % na programación desta edición.
Ao mesmo tempo, o foco está posto na ollada do cinema etnográfico sobre o político, os rituais, o seu poder simbólico ou os espazos nos que se tecen as súas prácticas, relacións e significacións. Esta temática ten o seu reflexo tamén na imaxe e na peza de presentación do festival, autoría da fotógrafa e cineasta Sabela Souto. Esta imaxe parte dun traballo previo sobre a primeira cooperativa dedicada ao téxtil na comarca de Verín, e no que políticas laborais, feminismo e tradición conflúen na memoria industrial sobre as mulleres.
Altofalante para o cinema galego
O director de Industrias Culturais afirmou que este festival “é un referente porque non só é o único en Galicia con esta orientación e temática específicas, senón que é un dos escasos eventos de carácter internacional destas características no Estado español onde xa serviu de modelo para a organización de eventos similares”. Sinalou, así mesmo, que esta é unha das citas que cada ano apoia a Xunta a través da liña de subvencións a este tipo de certames, nestes momentos se atopa en trámite de resolución da convocatoria de 2024 cunha dotación de 300.000 euros, unha cifra que consolida a tendencia á alza do investimento autonómico nestes eventos, cun incremento do 33 % respecto a 2023. Con estas axudas, o Goberno galego ratifica o valor estratéxico que este tipo de certames teñen tanto no ámbito audiovisual como no conxunto das industrias culturais, polo seu labor de dinamización e promoción de moi diferentes produtos e formatos audiovisuais e polo seu papel de altofalantes para a máis recente produción galega.
Nesta edición da MICE a autoría galega estará representada por catro dos filmes da sección oficial a concurso. Así, dos 13 traballos optarán ao Premio MICE ao Mellor Filme no capítulo Internacional, hai catro fitas realizadas en Galicia, que compiten tamén polo Premio MICE ao Mellor Filme Galego. Trátase de 12 de maio de 1937, de Mar Caldas, que será estreada no festival; o filme La Revolución (es) Probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas; Habitar, de Anxos Fazáns, e Lavadoiro, de Ana Amado e Lois Patiño. Todos os filmes optarán tamén ao Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, ao Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección, e ao Premio do Público. A cerimonia de entrega de galardóns terá lugar o domingo, 24 de marzo, ás 12,30 horas no Museo do Pobo Galego.
Pola súa banda, a sección Trazas, desenvolvida en colaboración co Cineclube Compostela e o Consello da Cultura Galega, fixa a mirada na Transición democrática e o cinema galego, continuando coa liña temática desta 19ª MICE.
Homenaxes a Dorothé Schubarth e Cecilia Mangini
A mostra acollerá a estrea de 586 cantos, proxecto impulsado polo festival como homenaxe ao legado da etnomusicóloga suíza falecida en 2023 Dorothé Schubarth, e o seu labor de antropoloxía audiovisual, razón de ser da MICE. O punto de partida é o valioso material de arquivo depositado no Museo do Pobo Galego, coas gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras procedentes do traballo de campo levado a cabo en Galicia entre 1979 e 1984 xunto a Antón Santamarina, e que foron a base do Cancioneiro Popular Galego.
Tamén se lle renderá tributo á pioneira do cinema documental italiano Cecilia Mangini cunha retrospectiva a cargo da cineasta chilena Carolina Astudillo, que porá en relación a obra da considerada como a Agnès Varda italiana coa súa propia filmografía, con tres sesións que suporán a estrea mundial do último filme de Astudillo, Postal.
Entradas, programación paralela e espazos
Ademais das proxeccións, nesta 19ª edición haberá actividades formativas, coas sesións de Lindes a cargo das cineastas Diana Gonçalves e Iván Castiñeiras, e co taller Creación audiovisual con dispositivos fáciles, impartido por Coral Piñeiro e Bruno Arias. Outros dos eixos da 19 MICE serán a programación para escolares e familias, coa MICEscola e MICE Petís e, entre as actividades paralelas, destaca a exposición Da túa man para a miña, de Fran Rodríguez Casal, e a proxección de Os espazos en branco, do novísimo cineasta Bruno Arias.
Toda a programación da MICE é gratuíta e desenvolverase en catro espazos da cidade: o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal, a sala NUMAX e o Salón Teatro, un espazo cedido pola Xunta de Galicia ao festival que acollerá proxeccións o xoves 20 cunha sesión da sección oficial Galicia (A revolución (é) probable, Habitar e Onde fica esta rua?) e o venres 21 cunha sesión de Trazas (Rocío, Andalucía 28 F e coloquio).