Share

Increméntanse nun 33% as axudas a curtametraxes para a promoción do talento

Publícase a nova convocatoria para apoiar a realización e posprodución de oito curtas e a produción de tres longametraxes de dirección novel

Estas subvencións teñen como obxectivo contribuír á realización de novas propostas de especial valor artístico e cultural e á incorporación de novos creadores

A Xunta fixo públicas as bases da súa convocatoria anual de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento galego, cunha dotación de 176.000 euros. En concreto, apoiarase a realización de seis novas curtametraxes, cun incremento do 33% no seu orzamento, así como outros dous proxectos de posprodución de curtas e tres de produción de longametraxes de dirección novel.

Convocadas en réxime de concorrencia competitiva, estas axudas diríxense ás persoas creadoras e ás produtoras audiovisuais independentes, segundo a modalidade, que as poderán solicitar ata o vindeiro 8 de abril.

Mediante esta vía, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades reserva 48.000 euros −12.000 euros máis que en 2023− para a modalidade A1 de realización de curtametraxes. Esta contía distribuirase entre seis obras, mentres que a modalidade A2 destina 8000 euros para a posprodución en Galicia doutras dúas curtas. Os 120.000 euros restantes investiranse en tres longametraxes cinematográficas de dirección novel e de especial valor artístico (modalidade B). En todos os casos, a versión orixinal deberá ser en galego e cada proxecto só poderá estar inscrito nunha modalidade.

Impulso económico aos guións

Unha das principais novidades respecto da convocatoria deste ano ten que ver coa posta en marcha dunha liña específica coa que se lle dá un novo impulso económico aos guións, ámbito que en anos anteriores estaba incluído como unha das categorías destas axudas ao talento. As novas subvencións á escrita audiovisual atópanse xa en proceso de resolución cara á adxudicación de 270.000 euros a unha trintena de guións orixinais ou adaptados, dos que 70.000 euros corresponden á modalidade concreta de autoría novel.

Estas axudas autonómicas á promoción do talento audiovisual, pioneiras no seu ámbito dentro do panorama audiovisual español, buscan favorecer a incorporación da nova creación ao sector profesional coa finalidade de promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico e de contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual, ao tempo que se facilita a súa función como instrumento para a normalización lingüística.

A través delas, en 2023 apoiáronse 17 guións, longametraxes de dirección novel e curtas, entre os que se atopaban, por exemplo, os proxectos presentados por cineastas como Ángeles Huerta, Noemí Chantada, Brandán Cerviño ou Berio Molina.