Share
24/07/2025 - 21:00h | Igrexa de San Bartolomeu | Tui

A zanfona e o Camiño de Santiago

  • Espectáculo de música a cargo de Germán Díaz

A zanfona e o Camiño de Santiago
Cultura no Camiño

Un concerto no que se interpretan músicas históricas —e imaxinadas— baseadas na tradición sonora dos Camiños a Santiago, ilustrado a partir das diversas representacións da zanfona nas igrexas e monumentos que debuxan os itinerarios e camiños que os peregrinos utilizaron para chegar a Compostela.

A zanfona é un dos instrumentos que máis representacións ten ao longo dos diferentes itininerarios que debuxan a peregrinación cara a Santiago. O realmente sorprendente da organoloxía do instrumento, é que, despois dos seus máis de mil anos de historia, segue sendo practicamente o mesmo artefacto o que se usa hoxe en día para a música contemporánea e o que se utilizou no século XII para acompañar os cantos litúrxicos.

A zanfona viviu un período de esplendor na baixa idade media e no papel da música no Camiño; moitas das representacións do organistrum —apelación que damos ao antecesor da zanfona—, sitúano no lugar principal da arquivolta de músicos que rodean ao pantocrátor. Aínda que no século XVIII —co afán barroco polo extravagante— converteuse en instrumento de corte e a propia reina María Leszczynska tentaba a súa práctica, a zanfona foi instrumento de cegos e esmoleiros que usaban ese bordón continuo como base para acompañar romances e narrar historias. Así volveu á península, a través do camiño Xacobeo, coas historias e as aleluia dos cegos cantores.