Cabaret acuático
Nelson Quinteiro

Un pasarrúas de danza e cabaré inspirado nos areais de principios do século XX, a ritmo de swing e manouche, cun vestiario e atrezzo que nos levan directamente á Biarritz, á Marsella, á Donostia dos anos 20.
O Cabaret Acuático combina a animación de rúa co cabaré e a danza, nunha proposta con estética marítima e modernista e música swing-manouche, construíndo un espectáculo moi visual, alegre e desenfadado, para todos os públicos, que nos emocionará facéndonos sentir o son da auga e as sensacións de mollarnos, refrescarnos e mergullarnos nunha festa acuática. Empregamos aspersores, sprays, mangueiras ou regadeiras; toallas, panos e balóns de praia. E auga, moita auga!
Con vestiario de última xeración confeccionado con tecido de nanotecnoloxía hidrófuga, unha caracterización moi recoñecible e un elenco que goza, vibra, entra no personaxe e ofrece o mellor de si neste espectáculo de variedades, con coreografías corais, números individuais e xogos.
É unha proposta ideal para animar paseos marítimos, feiras modernistas, areais, festas da auga ou eventos mariñeiros. O noso Cabaret Acuático non é só unha innovadora proposta artística na que acabamos pingando tanto público como artistas, senón tamén unha experiencia inesquecible e moi divertida que transforma calquera espazo nun escenario costeiro cheo de frescura e diversión.