Share
17/10/2026 - 19:00h | Salón Teatro | Santiago de Compostela

Vila - Proceso Aberto

  • Espectáculo coproducido polo Centro Dramático Galego

Vila - Proceso Aberto

Vila - Proceso Aberto é a fase de desenvolvemento e mostra itinerante do novo espectáculo de teatro de obxectos, urbanismo e live cinema creado polo artista galego Marcos PTT. Esta proposta está deseñada como unha conferencia dramática e un thriller cartográfico que reflexiona sobre como as sociedades constrúen e destrúen o territorio que habitan. 

--

Marcos PTT é creador escénico, director teatral e intérprete. Como tantas persoas que se dedican ao teatro, fixo e fai un pouco de todo: actúa, dirixe, escribe, produce, monta vídeos e fai fotos. E xa non lle preocupa demasiado aquilo de que quen moito abarca pouco aperta. Entre outras cousas, porque el é moi de dar apertas.

Se hai algo que realmente lle interesa do seu oficio é traballar con xente. Aí sitúa a súa verdadeira especialización: nos procesos colectivos nos que a suma de persoas multiplica o resultado. Entende o proceso como unha finalidade en si mesma e procura que aquilo que fai o faga feliz a el, ás persoas coas que traballa e, por suposto, tamén ao público.

Os formatos convencionais adoitan resultarlle aburridos. Interésalle recuperar na relación co público a sensación de xogo e facer de cada proposta unha experiencia que comece antes mesmo de que se acendan os focos. Como cando, de pequeno, ir ao cine era algo especial e a experiencia empezaba moito antes de que se acendese o proxector. Esa vontade de recuperar a expectación, a sorpresa e o xogo está detrás dos seus traballos máis persoais.

E tamén a intención de que, entre todo o ruído que nos rodea, o que fai sirva para algo.

Traballa igualmente por encargo e, neses proxectos, achégase ao xeito de pensar de quen confía nel. Porque, máis alá dos formatos, das disciplinas ou de quen teña a razón, o que segue a mover o seu traballo son as persoas.