A viaxe feliz de Ramón Sanfiz
Un espectáculo teatral a cargo de Fantoches Baj
En 1927, Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco, emprenderon unha peregrinación de Ourense a Santo André de Teixido (Cedeira). Desa viaxe polos antigos camiños do país naceu o libro Pelerinaxes I, con textos de Ramón Otero Pedrayo e ilustracións de Vicente Risco.
Na nosa montaxe, Ramón Sanfiz, personaxe creada por Fernández del Riego en homenaxe a Otero Pedrayo, seguirá en triciclo o itinerario descrito por este no libro Pelerinaxes I. Ao chegar a Santo André contaralle ao público presente no milladoiro o obxectivo e as peripecias da súa viaxe, misturando deste xeito no relato a experiencia de Otero coa súa propia e coas lendas e contos do rico patrimonio oral polos que discorre o camiño.
Despois de deixar dúas pedras no milladoiro de Santo André de Teixido, Ramón Sanfiz, alter ego de Fernández del Riego e músico da Rondalla Mindoniense do Pallarego, preséntase ante a xente alí reunida e cóntalle o que foi a sua viaxe en triciclo desde Ourense ata Teixido seguindo os pasos de Ramón Otero Pedrayo. Para elo servirase de instrumentos musicais tais como unha caixa de música, un pandeiro ou un timple canario e de obxectos como marionetas, un jumping-jack ou un kamishibai. Elementos que leva no seu triciclo e que vai sacando ao tempo que vai relatando os lugares polos que pasou na súa travesía a Santo André e que darán pé aos contos, cancións, historias, lendas e romances atopados por Ramón Otero Pedrayo na súa pelerinaxe polo centro de Galicia e que remata na Serra da Capelada.
FICHA ARTÍSTICA
Autoría e dirección: Inacio Vilariño
Escenografía: Luis Iglesias, “Luchi”
Deseño sonoro e iluminación: Fantoches Baj
Vestiario: María Chenut
Música: Tradicional
Elenco artístico: Inacio Vilariño