Share
17/08/2025 - 12:00h | Rúas da vila | Vilagarcía de Arousa

Señor Patajullo e a Banda Barullo

  • Espectáculo de teatro a cargo de Nelson Quinteiro

Señor Patajullo e a Banda Barullo
Cultura no Camiño

Espectáculo de contacontos e banda infantil de mediano formato que se escora pola verquente máis tradicional e popular arredor das tradicións, músicas, oficios, rituais máxicos ou historias de narración oral 

Unha proposta infantil de mediano formato en liña con outras realidades escénicas do país no que a enorme capacidade de Nelson Quinteiro (ukelele, percusión, voz e narración) para mobilizar ao público máis miúdo axúntase ao talento dunha banda que soa como foguete co acordeón de Alvaro Cardalda, a gaita e ventos de lago Prieto, o bombo e coros de David Lourenzo e a batería e percusión de Miguel Fraguas. O Señor Patajullo, o Señor Cachelo, o Señor Xurelo, o Señor Linqueirón e o Señor Arneirón contarán as historias e tradicións da illa do Con, reducto imaxinario que vén a ser unha alegoría de nós mesmos, a nosa historia, tradicións, músicas, oficios, rituais máxicos ou historias de narración oral. Con un vestiario branco de inspiración tradicional, en contraste co colorido da escenografía deseñada por Leandro Lamas, esta serve como retablo para os contos e cantigas que imos debullar como se se tratase dunha mazaroca de millo. Unha proposta cun sabor moi enxebre e, sobre todo, moi mariñeiro. Neste espectáculo cantaremos un Maio. Festexaremos o Entroido, o San Xoán. Cantaremos cantigas de canteiros, de martileiros, de redeiras, de sereas, de gaiteiros, de cegos. Remaremos nunha traíña. Bogaremos nun batel. Tiraremos das pedras, tocaremos o bombo... E todo a través de xogos rítmicos participativos nos que poñemos á chavalada en punto de ebullición.