O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger
Espectáculo teatral a cargo de Tarabela Creativa
O pai de Carmen Conde foi durante décadas especialista en dactiloscopia da Policía Xudicial. Un home que resolveu delitos e crimes descifrando a palma da man de quen os levaba a cabo. Como unha especie de nigromante, pero guiado pola ciencia. Como resultado, centos de atestados que dan conta da cartografía delictiva dunha Galicia delirante. Nesta comedia marxista (si, marxista), destápase un entramado con bombas, carteiristas, estafadores, ladróns, leite tóxico de Chernóbil e os capos hippies da marihuana que unen forzas e tamén se obstaculizan mutuamente para cobrar unha herdanza millonaria que ten unhas condicións moi peculiares para ser recibida.
Todo mentres se fai unha comparativa imposible entre as dúas biografías que dan título á obra: a do pai de Carmen e a de Mick Jagger. Nunha dualidade na que ademais de ver as distintas “intelixencias” da Garda Civil, tamén seguiremos a liña de pensamento das mentes delicuentes.
E todo (TODO) baseado en feitos reais. Cunha escenografía polivalente que mistura o escenario de rock e o camarín de súper estrela, co laboratorio de revelado de fotografía e de estudo de impresións dixitais, así como a máquina de escribir os atestados. Ademais dunha banda sonora que se rende ás evidencias: The Rolling Stones. Unha historia contada co ritmo frenético de “Snatch, cerdos y diamantes". Porque xulgar aun delincuente semella moi fácil ata que a vida nos coloca exactamente na súa posición.
Ficha artística
Autoría: Carmen Conde
Dirección: Avelino González
Escenografía: Tarabela Creativa
Deseño sonoro: Ezequiel Orol
Deseño iluminación: Dyango Pérez
Vestiario: Natalia Otero
Música: The Rolling Stones
Elenco artístico
CARMEN CONDE
FRAN LAREU
XOSÉ MANUEL ESPERANTE