Mortais e vulnerables
Espectáculo de danza de Furia Sotelo

Mortais e vulnerables é o segundo solo de Nuria Sotelo. Despois de 11 anos da aparición do seu primeiro solo, Métanse nos seus asuntos, que marcou o comezo de Licenciada Sotelo, Mortais e vulnerable ven marcar a transformación en Furia Sotelo. Esta peza de danza contén o paradoxo dende o seu plantexamento inicial, xa que xorde do desexo de encontro, da necesidade do encontro. Da vontade de continuar indagando na práctica da creación colectiva. Un corpo ao servizo das olladas de diferentes coreógrafas que acompañan o proceso de creación: Beatriz Palenzuela, Rafael de la Lastra, Alejandra Balboa e Mónica García. Un corpo vulnerable; fráxil ante as olladas que o fortalecen. Un corpo que se constrúe a través das outras. E o sempre vívido desexo de bailar. O desexo de levar a cabo Mortais e vulnerables xorde antes da pandemia, como unha especie de premonición, adquirindo novos significados ante esta nova realidade.